Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Cidade da Cultura participa nun foro en Sao Paulo (Brasil)

A Cidade da Cultura de Galicia vén de participar en Sao Paulo (Brasil) no III Encontro Paulista de Museos, un foro onde 900 directores de museos e xestores culturais analizaron desde o luns pasado ata hoxe á tarde as posibilidades das infraestruturas culturais como factores de dinamización e de desenvolvemento económico das súas rexións.

Convidado pola Centro Cultural de España en Sao Paulo e pola Secretaría de Cultura deste departamento do Brasil, con máis de 40 millóns de habitantes, o director da Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ignacio Santos, participou na mesa redonda ‘Museos, desenvolvemento territorial e turismo’. Durante a súa intervención, Santos explicou como un dos obxectivos prioritarios da Cidade da Cultura é o de actuar como un polo de atracción do turismo cultural, reforzando e renovando a oferta de Galicia.

En canto ás estratexias de desenvolvemento, Ignacio Santos sinalou que o complexo do Gaiás “busca fortalecer o tecido de industrias culturais e operar como unha plataforma que aumente a súa visibilidade e a proxección internacional”. O director de Acción Cultural participou tamén no coloquio ‘Museo, territorio e identidade’, no que presentou a Cidade da Cultura como un “espazo vertebrador da actividade cultural de Galicia, que complementa e artella ao resto das institucións da comunidade”.

Ao mesmo tempo, destacou a vocación do proxecto de “abrirse ao mundo e de aproveitar os lazos históricos, culturais e lingüísticos con Iberoamérica para converterse nunha ponte de comunicación entre América e Europa, favorecendo o intercambio de proxectos artísticos e culturais”.

A presenza da Cidade da Cultura no III Encontro Paulista de Museos inscríbese dentro da acción de promoción exterior que se está levando a cabo, do mesmo xeito que outras conferencias e exposicións realizadas en capitais europeas, como Berlín ou Bruselas, ou en cidades clave de Iberoamérica, como Bos Aires ou agora Sao Paulo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia