Galicia posiciónase como o mellor esceario para a evolución do coche eléctrico

O conselleiro de Economía e Industria lembrou que “Galicia sitúase en primeira liña para aplicar un cambio de modelo e, neste contexto, o Goberno da Xunta traballa para facer do noso territorio o escenario máis favorable ao desenvolvemento da rama evolutiva, pola que avanza a automoción eléctrica”.
Javier Guerra destacou que “desde un primeiro momento o Goberno galego asumiu que o liderado da electromobilidade galega debía cimentarse sobre unha planificación estratéxica concreta”. Este deseño facía imprescindible a creación dunha plataforma “capaz de coordinar a todos os sectores implicados: A Mesa de Fomento da Mobilidade Eléctrica de Galicia”.
Crear o medio máis favorable
Ademais, o titular de Industria sinalou que “crear o medio máis favorable” para o desenvolvemento desta industria “implica deseñar un marco normativo que outorgue seguridade xurídica, técnica e administrativa ao novo modelo”.
Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria elaborou un decreto pioneiro que regula as infraestruturas de carga do vehículo eléctrico (ICVE), ao tempo que deseñou o anteproxecto de Lei de Política Industrial co obxectivo de “alentar e auspiciar o desenvolvemento de Proxectos Industriais Estratéxicos en Galicia” para protexer aquelas propostas de investimento que supoñan unha expansión significativa do tecido industrial galego, a consolidación do mesmo e a creación de emprego.
Eliminación das barreiras de implantación
Por outra banda, o conselleiro Guerra indicou que a Xunta “apoia a eliminación das posibles barreiras de implantación” do coche eléctrico en Galicia, e como primeiro paso, o Consello da Xunta aprobou recentemente a firma dun convenio, entre a Consellería de Economía e Industria e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), para promover o desenvolvemento dun plan piloto de electromobilidade.
A implantación desta estratexia pioneira implica un investimento de 2,4 millóns de euros, para a posta en marcha de 7 estacións multifuncionais coa compra de 28 vehículos eléctricos, a xestión da frota, a promoción do proxecto demostrativo, así como a análise e a monitorización dos resultados obtidos.
Ademais, Guerra apuntou que a electromobilidade é unha das prioridades da Consellería de Economía e Industria, dentro do Plan re-Móvete Integral de apoio á Industria da Automoción Galega e engadiu que “a acción decidida deste Goberno, a través de todas as liñas de apoio ao sector do automóbil, en Galicia, facilitou a mobilización de investimentos por valor de máis de 87 millóns de euros, desde o comezo da lexislatura”.
Fotografía: archivo GD / Xunta de Galicia
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia