Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Constitúese o Comité de Prevención de Incendios de Galicia para o 2011

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presidiu a reunión do comité integrado de prevención de incendios de Galicia para a campaña 2011,que ten coma finalidade principal coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os lumes forestais en Galicia.

O Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para a campaña 2011 quedou formalmente constituído esta mañá en Santiago, coincidindo co inicio da época de perigo alto de lumes forestais, un período que comeza o vindeiro 1 de xullo e que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro.

A reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios asistiron ademais do conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, a directora xeral de Protección civil e Emerxencias do Ministerio do Interior, Pilar Gallego, así como representantes dos ministerios de Defensa, Interior e Medio Ambiente, o director xeral de Emerxencias e Interior, o director xeral de Montes e o comisario xefe da Policía Autonómica.

A xuntanza deste Comité tivo como punto central da orde do día a exposición de medios humanos e materiais a despregar no operativo de defensa contra os lumes forestais deste ano.

Pladiga 2011

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2011) foi aprobado polo Consello da Xunta na súa xuntanza do pasado día 3 de xuño. Este ano mobilízanse un total de 6.052 persoas en tempada de máximo risco.

En canto ao dispositivo material, na época de perigo alto de lumes estarán dispoñibles 39 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado e os diferentes Corpos e Forzas de Seguridade; aos que cómpre engadir outros medios do Exército de dispoñibilidade compartida con outras comunidades autónomas.

En terra, o Pladiga 2011 recolle máis de 300 medios de loita contra o lume, entre os que cabe salientar 156 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais).

Entre as principais novidades deste ano está o emprego de avións lixeiros para tarefas de coordinación, a mellora do Índice de Risco Diario de Incendio (Irdi), o levantamento co GPS do perímetro de todos os lumes e a utilización en probas, dun novo aditivo para mellorar a eficacia da auga na extinción.

Fotografía: Xunta de Galicia
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia