Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O proxecto Oysterecover permite recuperar o cultivo da ostra plana en Galicia

Os avances da xenética e da biotecnoloxía proporcionan novas ferramentas para afrontar os obstáculos da produción da ostra plana con maiores garantías de éxito. Así o aseguraron os responsables das institucións científicas galegas implicadas no proxecto europeo Oysterecover durante unha xornada co sector ostreiro galego que tivo lugar no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

Os expertos que participan nesta iniciativa europea coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR foron os encargados de presentar este proxecto do Séptimo Programa Marco. A súa finalidade non é outra que a de achegar aos interesados na produción de ostra en Galicia, e particularmente ás empresas ostreiras, as expectativas que para o sector poden vir derivadas dun proxecto destas características, e en xeral da colaboración entre os centros de investigación e o sector produtivo.

A xornada foi inaugurada polo Director Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Manuel Maneiro Cadillo, que salientou a importancia desta especie en Galicia e lembrou que a Consellería do Mar aposta por recuperar a produción “dunha actividade tan emblemática como a ostra plana”. Neste sentido explicou que este programa é una das accións encamiñadas a “propiciar esta recuperación”.

No encontro interviron responsables do CIMA e da Universidade de Santiago, que participan no proxecto xunto a varias entidades galegas públicas e privadas e outras once entidades de Francia, Irlanda, Reino Unido, Dinamarca e Holanda. Os expertos explicaron que nos anos 70 e 80 a produción de ostra plana en toda Europa viuse dramáticamente reducida como consecuencia da sobreexplotación e de dúas patoloxías asociadas á presenza de Marteilia refringens e Bonamia ostreae nas poboacións.

A pesares de térense probado diferentes estratexias para facer fronte a este problema, só apareceron expectativas optimistas respecto das posibilidades de afrontar a presenza de Bonamia, cando os avances na bioloxía e xenética permitiron que varias institucións de investigación europeas, e entre elas o CIMA, iniciaran procesos de selección de estirpes resistentes que deron resultados esperanzadores.

Na actualidade, os avances da xenética e da biotecnoloxía proporcionan novas ferramentas para afrontar os obstáculos da produción da ostra plana con maiores garantías de éxito. O proxecto Oysterecover pretende desenvolver e poñer nas mans dos produtores de ostra plana as ferramentas, recomendacións e coñecemento necesarios para avanzar posteriormente en programas de selección (baseados nunha alta tolerancia á enfermidade da Bonamiose) que a longo prazo poderían permitir a recuperación dos cultivos, así como mesmo a de aqueles bancos de produción natural que a día de hoxe poden aínda considerarse candidatos para garantir unha pesqueira sostible.

Trala presentación celebrouse unha mesa redonda moderada pola representante da entidade coordinadora do proxecto, o Centro Tecnolóxico do Mar. Ademais de debater sobre as cuestións específicas do proxecto, científicos e representantes da industria intercambiaron opinións sobre as expectativas e oportunidades derivadas deste tipo de colaboración. Tamén quedou patente o interese en que a presentación de hoxe fora a primeira dunha serie de xuntanzas periódicas coas empresas ostreiras para actualizar a información sobre os avances neste terreo e dar pé a novas oportunidades de colaboración.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia