1,2 millóns de euros á promoción das cooperativas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Así o explicou a responsable autonómica, durante unha rolda de prensa onde concretou as iniciativas a poñer en marcha ao abeiro deste proxecto. Para contextualizar este programa, Mato apuntou que na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal existen actualmente preto de 2.000 cooperativas, que sustentan ao 2 por cento da poboación activa da zona.
Con todo, estas fórmulas empresariais deben facer fronte a unha serie de factores que impiden o “pleno desenvolvemento” destas cooperativas. Entre eles, destacan a falta de servizos específicos de asesoramento; a escaseza da formación e cualificación dos profesionais das cooperativas que aumentan o seu risco de mortalidade empresarial; e a falla dunha maior vocación innovadora, así como un descoñecemento dos mercados. A isto hai que sumarlle o illamento que sofren as cooperativas que están situadas no rural.
Precisamente, para atallar estas carencias, deseñouse o programa “Coopera +” que pretende favorecer ás cooperativas actuais e, ao tempo, “establecer un escenario máis propicio para os futuros proxectos”.
Así, o programa –que se desenvolverá ata finais de 2012- inclúe a posta en marcha de ferramentas que sirvan para “paliar as debilidades existentes e fortalecer o tecido cooperativo na zona transfronteiriza”. Deste xeito, articularanse medidas que contribúan ao fomento e consolidación das cooperativas, e a xerar “máis e mellores empregos”, sinalou Mato.
O proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), inclúe catro obxectivos específicos: o fomento da cultura emprendedora cooperativa; a disposicións de ferramentas de apoio para o desenvolvemento deste sector; a creación de mecanismos transfronteirizos para xerar oportunidades de negocio e de emprego; e a promoción da comercialización e internacionalización das sociedades cooperativas.
Xa no que se refire a actuacións concretas, Mato destacou a creación dunha Unidade Transfronteiriza de Asesoramento Cooperativo (UTAC). Esta unidade encargarase de dinamizar e executar o “Coopera +”, e estará formado por un equipo multidisciplinar de técnicos especializados. A UTAC contará coa participación do tecido cooperativo e dos axentes socioeconómicos dos territorios, a través da articulación de mesas de traballo transfronteirizas.
Como apoio ao traballo deste equipo, desenvolveranse: estudos relacionados co emprego cooperativo, unha bolsa de emprego e difundirase toda a información referente ao sector cooperativo. Todos os datos útiles para os cooperativistas estarán dispoñibles a través de internet.
Mato incidiu tamén en que se porán en marcha outras accións para o fomento do emprego a través das cooperativas mediante a divulgación, a formación específica dos axentes de inserción, e a través da colaboración entre os organismos responsables, “especificamente centrada na cooperación dos servizos de intermediación laboral”.
Ao tempo, tamén se desenvolverán accións de fomento da comercialización e da internacionalización no sector cooperativo, especialmente orientadas ao deseño de estratexias conxuntas na eurorrexión.
Outras medidas concretas nas que fixo fincapé a conselleira de Traballo foron o establecemento dunha “marca de calidade” distintiva para as cooperativas da zona, así como que, ao abeiro deste proxecto, fomentarase a aparición dunha “figura específica” para o asesoramento aos novos emprendedores no ámbito cooperativo: “o axente cooperativo”. Esta figura contará cun “perfil concreto e especializado no ámbito do cooperativismo e poderá continuar o seu labor máis alá da finalización deste proxecto”.
Participantes
O proxecto “Coopera +” está liderado pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, xunto con outros catro socios: a Cámara de Comercio de Vigo; a Asociación de desenvolvemento da rexión do Alto Támega; a Asociación empresarial Viana do Castelo; e a Facultade de ciencias sociais da Universidade Católica Portuguesa.
Ademais, a iniciativa conta coa participación de cinco entidades asociadas: a Asociación galega de cooperativas agrarias (AGAC); a Federación de empresas cooperativas Sinerxia; a Unión de cooperativas de traballo (Asociación Ugacota); a Unión de cooperativas de ensino de traballo asociado (UCETAG); e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia