Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Os gandeiros galegos poden unificarse en organizacións de produtores de leite

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o Decreto que regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das Organizacións de Produtores (OP) de leite en Galicia que integren un mínimo de 1000 explotacións, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 3 de xuño.

O departamento que dirixe Samuel Juárez aposta por organizacións de produtores máis fortes e nas que participen o maior número posible de socios, cara a gañar en capacidade negociadora sobre as relacións contractuais neste sector.

Tal e como recolle o Decreto, o obxectivo principal é establecer o procedemento para o recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite e as súas asociacións que radiquen na nosa Comunidade, coa dimensión e capacidade de concentración da oferta suficiente para, entre outros fins, equilibrar a negociación entre produtores e compradores de leite. O fin último é que as OP galegas estean en condicións de exercer as súas funcións para cando se produza a modificación do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello de 22 de outubro, no que atinxe ás relacións contractuais no sector do leite e dos produtos lácteos, prevista no Real Decreto 460/2011.

Na norma publicada hoxe establécese que poderán ser recoñecidas como Organizacións de Produtores de leite todas aquelas entidades con personalidade xurídica propia, constituídas exclusivamente por produtores, que o soliciten e cumpran co obxectivo de concentrar a oferta e levar a cabo a comercialización da produción dos seus membros. Ademais, deberán cumprir, polo menos, unha das seguintes finalidades: Adecuar a produción á demanda, no referente á calidade e á cantidade; optimizar os custos de produción; proporcionar o asesoramento ou servizos de substitución aos seus socios ou levar a cabo actividades que supoñan a preservación do medio ou da biodiversidade, a mellor xestión da auga ou a utilización de enerxías renovables.

Produción mínima

Outras das condicións que se recollen no Decreto é a de que as organizacións acaden unha produción comercializable anual mínima e un número de produtores que se fixa na propia norma, que se creen por iniciativa dos produtores e que os socios se adhiran por un período mínimo de tres anos.

O ente competente en canto á inscrición no rexistro destas organizacións será o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), órgano autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería do Medio Rural.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia