Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta aposta polo Plan Estratéxico para medrar na liña de Europa 2020

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, apostou pola construción en Galicia dun modelo económico de crecemento “intelixente, innovador e sostible” a través do Plan Estratéxico Galicia 2010-2014 Horizonte 2020.

Fernández Currás salientou que este Plan Estratéxico engloba “un proxecto de desenvolvemento económico e social no que se define unha planificación das actuacións da Xunta de Galicia para os próximos dez anos”, que asume os obxectivos globais que a Unión Europea marca na ‘Estratexia Europa 2020’.

A titular de Facenda inaugurou hoxe en Santiago de Compostela o Comité de Seguimento do Programa Operativo do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2007-2013 e subliñou que os 358 millóns de euros cos que está dotado permitirá “reforzar as políticas de emprego, así como a mellora da educación e a formación en Galicia dando resposta ás necesidades dos cidadáns e aos retos dos mercados globalizados”.

Por outra banda, Marta Fernández Currás avogou por incrementar a eficacia da política de cohesión, “profundizando nos sistemas de avaliación, de xestión e control que aseguren a correcta asignación dos recursos dispoñibles e se traduzan en resultados tanxibles”.

No Comité de Seguimento tamén participaron o director de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda, Javier Rodríguez Seijo, ademais de representantes da Comisión Europea; da Unidade Administradora do FSE do Ministerio de Trabajo e Inmigración; das organizacións sindicais; da confederacións empresariais e do Consello Económico e Social de Galicia, entre outros.

Acordos do Comité de Seguimento

Durante a reunión someteuse a estudo o Informe de execución da anualidade 2010 para a súa posterior aprobación e analizáronse as propostas de modificación do Programa Operativo e dos criterios de selección das operacións a desenvolver.

Analizaouse tamén a aplicación e seguimento do Plan de Comunicación, así como cuestións relativas á avaliación e seguimento estratéxico do PO do Fondo Social Europeo Galicia 2007-2013 entre outros temas.

En Galicia o FSE permitiu que no ano 2010 case 125.000 persoas e 4.748 empresas se beneficiaran das actuacións cofinanciadas por este fondo. Unha gran parte foron empregados que melloraron a súa situación laboral, grazas á asistencia a cursos de formación; ás axudas ao desemprego ou ao autoemprego; aos itinerarios de inserción laboral; e as axudas á conciliación da vida familia e laboral entre outros.

Ademais, como consecuencia da participación nas actuacións do Fondo Social Europeo, no referido ao capítulo de inserción laboral, case 7.000 persoas accederon a un contrato de traballo.

A celebración do Comité é unha actuación cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco no Programa Operativo FSE de Galicia 2007-2013 con cargo ao Eixe 5 de Asistencia Técnica deste fondo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia