Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Universidade de Santiago convoca axudas ao estudo para os alumnos afectados pola catástrofe do Prestige

Esta convocatoria, que será remitida a todas as confrarías afectadas, resposta á vontade das Universidades galegas por contribuír a axudar a estudantes que doutro xeito non poderían cursar estudos universitarios. Convocadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Relacións Institucionais, as bolsas xurden ao abeiro do convenio subscrito entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a realización de accións específicas de carácter especial de apoio económico aos estudantes universitarios cuxas familias se visen afectadas pola catástrofe ocasionada polo afundimento do buque Prestige. Poderán solicitar estas bolsas os estudantes matriculados no curso académico 2004-2005 nesta Universidade, no primeiro, segundo ou terceiro ciclo, cuxas familias teñan recoñecida legalmente polos órganos competentes da Xunta de Galicia a condición de persoas afectadas pola catástrofe do ‘Prestige’. Sendo a contía global dos recursos asignados a esta acción de 226.996,67€, a axuda que percibirá o estudante virá determinada polo cociente entre o número final de beneficiarios e a suma do crédito consignado orzamentariamente para tal fin, tendo en conta que a cantidade percibida por cada beneficiario non poderá exceder, en ningún caso, os 4.207€. O impreso de solicitude estará dispoñible en Santiago na Sección de Bolsas e Axudas ao Alumnado do Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado emprazado no Pavillón Estudantil (Campus Sur) e en Lugo na Vicexerencia (Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros) así como na páxina web http://www.ti.usc.es/vrest/Bolsas.htm. Xunto co impreso os estudantes presentarán a copia do DNI ou pasaporte e do libro de familia, unha copia compulsada da resolución da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou de Industria e Comercio pola que se recoñece a condición de afectado pola catástrofe e o documento facilitado pola entidade bancaria no que conste o código da conta cliente cos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número da conta, da que deberá ser titular ou cotitular o alumno bolseiro e na cal se aboará o importe da axuda. Unha vez cubertas, as solicitudes deberán presentaranse nos Rexistro Xerais da Universidade, nos Rexistros Auxiliares das Unidades de Xestión Académica ou por calquera dos procedementos recollidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Listaxes de aceptacións
A lista provisional de concesión e denegación das axudas publicarase o día 30 de novembro de 2004, data na que se abre un prazo de reclamación ata o 9 de decembro para, finalmente, publicar a definitiva o 15 de decembro de 2004. As listas serán publicadas nos taboleiros de anuncios da Vicerreitoría de Estudantes e Relacións Institucionais, no da Vicexerencia do Campus de Lugo, no Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado e na páxina web antes mencionada. http://www.ti.usc.es/vrest/Bolsas.htm.
Gabinete de Comunicación USC