A Xunta promove unha exposición itinerante sobre a figura de Castelao
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/castelao.jpg)
Durante a inauguración, o responsable de Política Lingüística afirmou que “intentar comprender a Galicia do século XX sen nos deter na figura de Castelao resultaría, sen dúbida, unha tarefa incompleta, parcial e orfa”. “De aí a importancia –engadiu– de favorecer iniciativas concibidas como unha actividade de divulgación e de espallamento do seu legado, do seu papel na construción da nosa historia e da nosa identidade cultural e política, entre a sociedade dos nosos días”.
A lingua galega na obra de Castelao
Así mesmo, o secretario xeral explicou que “os capítulos máis importantes da andaina vital e profesional de Castelao se van sucedendo a través das palabras e das imaxes destes sete paneis, igual que se sucede o seu talento artístico, literario e político nas diferentes vertentes da súa polifacética obra, onde a lingua galega é unha constante”. Ao fío disto, Anxo Lorenzo incidiu na “preocupación de Castelao pola situación e polo futuro do idioma, que está presente nas súas viñetas, na súa obra narrativa e ensaística, no humor irónico e sarcástico en que se asenta a súa crítica social e na súa faceta como político”. “Castelao –dixo– reafirmou a lingua propia de Galicia como o elemento que singulariza e que une o seu pobo. Agora tócanos a nós estar á altura deste legado inestimable e alimentar a semente dos seus esforzos a prol do galego”.
Por outra banda, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, destacou que “a inmensa potencia artística de Castelao merece esta actualización e esta homenaxe”, que coincide coa celebración do 125 aniversario do seu nacemento. Francisco López amosouse convencido de que Castelao “estaría orgulloso deste país, onde a cultura se espallou a todos os recunchos, ao mesmo tempo que se vertebraba una sociedade con identidade propia”.
Lembranza de Castelao para “afrontar o futuro con confianza”
O director xeral apostou por transmitirlle á xuventude “o traballo que levaron a cabo as persoas que puxeron a súa fe nas posibilidades de Galicia”, en referencia aos membros da Xeración Nós e, especialmente, a Castelao. Francisco López recoñeceu que “aínda hai moito por facer”, pero fixo fincapé en que a lembranza de Castelao que se fai na exposición “é a dunha traxectoria vital que queremos ter para afrontar o futuro con confianza”.
A exposición está comisariada por Xosé Ramón Fandiño, quen afirmou durante a presentación que “Castelao é, xunto a Rosalía, o máis xenuíno expoñente da alma histórica de Galicia e a súa obra vén ser algo así como unha agra aberta para o coñecemento do devir histórico de Galicia”. “Por iso –engadiu– é unha delicia do corazón e dos sentidos poder traballar sobre calquera das súas actividades ou para ofrecer unha visión global da súa personalidade”.
Para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Castelao, a Xunta de Galicia promoveu esta exposición itinerante que, a través de sete paneis con desenvolvemento teórico e complementada con sistemas interactivos e música ambiental galega, repasa a súa biografía e os acontecementos da súa polifacética personalidade.
Un percorrido pola vida e a obra de Castelao
O contido da mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.
Logo do seu paso pola Biblioteca de Nodal de Pontevedra, a mostra realizará a súa próxima parada en Santiago de Compostela, onde estará desde o 13 ao 31 de xullo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia