María Kodama, a viúva de Jorge Luis Borges, no ciclo Galicia ceo das letras
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/maria_kodama.jpg)
Con motivo desta sesión, que estará presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurarase na Biblioteca de Galicia a mostra “Un percorrido polo universo borgeano”, que recolle correspondencia persoal, primeiras edicións, libros adicados polo autor, artigos en revistas ou xornais e retratos tomados por coñecidos fotógrafos. material que permitirá aos visitantes achegarse ao fascinante mundo deste autor. A exposición, que poderá visitarse ata o 24 de xullo, está patrocinada pola Fundación Internacional Jorge Luis Borges en colaboración co Centro de Arte Moderno.
Claudio Rodríguez Fer, poeta, ensaísta e autor do libro “Borges no labirinto galego”, será o encargado de presentar unha sesión na que María Kodama fará un percorrido polo mundo interior e universo literario do autor de “El Aleph”. A sesión rematará cun concerto de Mónica Monasterio e Horacio Lovecchio, intérpretes arxentinos de música tradicional e contemporánea xudeo-española, que prestan especial atención á poesía.
Co homenaxe a Borges remata un ciclo que comezou en xaneiro, poucos días despois da inauguración da Biblioteca e do Arquivo por parte dos Príncipes de Asturias. Dous sábados ao mes, o “Galicia, ceo das letras” homenaxeou a algúns dos máis grandes das letras galegas, como Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Cela, Martín Codax, Valle-Inclán, Cunqueiro, Valente, Torrente Ballester ou Blanco Amor. Xunta a eles, houbo tamén un espazo para autores de “literaturas veciñas”, como Pessoa ou Salvador Espriu.
Coa súa vocación de unir Literatura e outras artes, polo Auditorio da Biblioteca de Galicia pasaron non só escritores, poetas, ensaístas e historiadores, senón tamén músicos, actores ou cómicos, nomes como Uxía Senlle, Joao Afonso, Marina Rosell, o grupo de música antiga Martín Codax, os actores Charo López, José Luis Gómez, Cándido Pazó ou Quico Cadaval.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia