Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra do centenario de Cunqueiro, en Ourense do 1 ao 27 de xullo

Máis de 2.500 persoas visitaron na Casa da Parra de Santiago a exposición itinerante No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011, coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense mediante a mostra de todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras. Promovida pola Xunta de Galicia, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia baixo o comisariado de María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, a exposición pechou as súas portas en Compostela o domingo 26 de xuño, despois de ser vista tanto por alumnos procedentes de distintos centros de ensino como polo público xeral que se achegou á que foi a segunda etapa no percorrido desta iniciativa trala súa inauguración en Mondoñedo o pasado 15 de abril.

No niño novo do vento continúa a partir de agora o seu percorrido, que abrangue outras 6 cidades galegas ata xaneiro de 2012, coa súa instalación do 1 ao 27 de xullo no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Viaxará despois a Lugo (do 3 ao 28 de agosto no edificio da Delegación da Xunta de Galicia, á Coruña (do 2 ao 25 de setembro no Palexco), a Pontevedra (do 30 de setembro ao 23 de outubro no Museo Provincial), a Ferrol (do 27 de outubro ao 13 de novembro no Centro Cultural Carballo Calero) e, por último, a Vigo, onde permanecerá do 18 de novembro ao 9 de xaneiro de 2012 na Biblioteca Penzol-Casa Galega da Cultura.

Afán didáctico

Cun afán eminentemente didáctico e accesible para todos os públicos, a mostra está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa produción en galego e en castelán, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena compilación dos seus artigos xornalísticos, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa traxectoria.

Estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en video distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.

Entre os obxectos que se poden atopar figuran galardóns, diplomas, os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas, condecoracións, etc.

A parte máis identificativa da mostra é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de Merlín e familia que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia