Arranca en Ferrol a xira da ópera Os Tres Reás, do CDG
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/a_opera_dos_tres_reas_2.jpg)
O Teatro Jofre acolle o sábado 4, ás 22.00 horas, e o domingo 5, ás 20.30 h, senllas funcións que foron presentadas hoxe no Concello de Ferrol por Susana Martínez Galdós, concelleira de Cultura; Blanca Cendán, directora do CDG; Quico Cadaval, director do espectáculo; e Marcos Orsi, actor que interpreta a JJ Peachum. A ópera dos tres reás, que nas súas catro primeiras funcións no Auditorio de Galicia de Santiago foi vista xa por uns 4.000 espectadores, conta co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e enmárcase, así mesmo, na programación do Ano da Música de Galicia.
Esixente posta en escena
Tosar, para quen o papel de Mackie Messer (Makie da Faca) supón o seu regreso ao teatro tras cinco anos dedicado con grande éxito ao cine e á música, encabeza o destacado elenco de 11 actores-cantantes galegos que enfronta esta esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais e dúas horas e vinte e cinco minutos de duración: ademais de Luis Tosar, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf", Muriel Sánchez, Begoña Santalices e Sergio Zearreta.
Xunto con eles, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos ¬–Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich– executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.
Na ficha artística deste proxecto –a través do que Blanca Cendán materializa a súa aposta polo teatro musical de gran formato como unha das súas liñas de xestión á fronte do Centro Dramático– figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.
Universo “brechtiano”
Na adaptación de Quico Cadaval –responsable tamén da dramaturxia–, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada “caleidoscópica” apoia o desenvolvemento desta historia contada –en palabras do seu director– “a través das leis do cabaré”.
A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown, xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o “capitán” dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum, a filla do rei dos mendigos, quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o “maior criminal do mundo”.
Venda de entradas
As entradas para asistir ás funcións de A ópera dos tres reás en Ferrol poden adquirirse a través da web do Teatro Jofre (www.ferrol.es/jofre) ou no Punto de Información Cultural do mesmo teatro, aberto ata o venres de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 h, o sábado 2 de 11.00 a 13.00 e de 19.30 a 22.00 horas e o domingo 3 de 18.00 a 20.30 horas. O preso das localidades é de 15 euros.
Trala súa representación en Ferrol, A ópera dos tres reás continuará un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro. No mes de xullo, presentarase tamén en Pontevedra (días 8 e 9) e en Madrid, con dúas semanas de funcións no Teatro Fernán Gómez a partir do día 20. Outras das localidades incluídas nesta ampla xira son Las Palmas de Gran Canaria (11 e 12 de agosto), Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro), Zaragoza (do 9 ao 10 de setembro), A Coruña (16 e 17 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia