Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A compañía Elefante Elegante inaugura os Mércores Miúdos

Os Mércores Miúdos enchen un ano máis as tardes dos nenos e nenas lucenses, que á súa vez encheron hoxe os xardíns da Deputación: a compañía de teatro Elefante Elegante representou ás 18:30 horas o seu espectáculo “Tristán Cara de Can”, na primeira das 5 actuacións que Cultura Aberta nos Xardíns ten programadas para os máis pequenos da casa, todos os mércores de xullo e o primeiro de agosto. O programa Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación, posto en marcha pola Área de Cultura, inclúe tamén actuacións para público en xeral, que terán lugar todos os xoves de xullo e o primeiro de agosto, arrancando mañá ás 21:00 horas coa actuación do grupo vocal Sólo Voces. Hoxe, ademais, contouse coa participación de alumnos e profesores da Tradescola, que se encargarán de amenizar as entradas ás actuacións dalgúns Mércores Miúdos e Xoves de Cultura Aberta, nunha aposta firme polo traballo que realiza a Tradescola a prol da música e da cultura galega.

O grupo Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. A compañía, de orixe galego-portuguesa, creouna en 2007 María Torres e Gonçalo Guerreiro e ten a súa sede na Coruña. Nace para lles dar forma artística ás súas inquedanzas sociais e existenciais. “Tristán Cara de Can” é un espectáculo visual dirixido ao público infantil: unha comedia xestual interpretada ao estilo dos debuxos animados na que as palabras se transforman en xestos. Os personaxes falan unha lingua inventada que o público descifra inmediatamente e a música acompaña o ritmo dinámico da acción. Os temas da soidade, do abandono e da tristeza son tratados dende unha perspectiva cómica e inxenua co fin de interpelar aos máis pequenos.

Estas actuacións abren así un ano máis as portas dos xardíns do Pazo de San Marcos e enchen de música e divertimento as tardes de verán lucenses. Tras varios anos de percorrido, consolídase unha proposta que medra de edición en edición e que, cada vez máis, conta co interese e a fidelidade do público lucense. Cultura Aberta é un programa que quere achegar propostas de lecer e culturais a toda a poboación, xa que os contidos se van adaptar a todos os públicos. Despois da experiencia pluricultural e colorista do ano pasado, na que os xardíns se inzaron de sons e de postas en escena chegadas doutros lugares como Cataluña, País Vasco ou mesmo Angola, nesta edición faise fincapé no propio, con propostas artísticas, culturais e musicais locais, para reivindicar a calidade e a diversidade da produción cultural da nosa contorna. Deste xeito, todas as actuacións dos Xoves de Cultura Aberta deste ano son de artistas e grupos de Lugo, e as dos mércores serán levadas a cabo por compañías galegas ou estreitamente vinculadas con Galiza.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo