Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As panaderías repartirán dous millóns de bolsas con consellos saudables

A Consellería de Sanidade, en colaboración coa Federación Galega de Panaderías, distribuirá dous millóns de bolsas con consellos de hábitos de vida saudables promocionando os valores do pan galego. En cada unha destas bolsas, que se distribuirán durante os próximos quince sábados, estará impresa unha mensaxe -dun total de dez diferentes- sobre a importancia da alimentación equilibrada.

A conselleira, Pilar Farjas Abadía, presentou esta campaña de promoción do pan artesán galego para promover a alimentación saudable, explicando que o obxectivo é asociar unha mensaxe alimentaria e saudable ao pan ao mesmo tempo que se recoñece o seu valor simbólico e nutricional como alimento básico e recomendable na dieta.

Ademais, con esta iniciativa preténdese aumentar o consumo de alimentos de orixe vexetal como os cereais, as froitas e as verduras que protexen fronte ao risco de desenvolver enfermidades como as cardiovasculares ou o cancro, predominantes na poboación galega.

Entre as recomendacións impresas nas bolsas inclúense tomar cinco racións de froita ou verdura ao día; manter o peso dentro dos límites normais; consumir peixe varias veces por semana; reducir o consumo de graxa e de sal; limitar a inxestión de azucre; ou beber auga, entre outras.

Sensibilización e información sobre alimentación

Pilar Farjas destacou tamén que, durante 2011, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública editou dez recomendacións alimentarias para a poboación galega nunha linguaxe familiar e comprensible polo consumidor.

Este decálogo, segundo explicou, ofrece consellos para manter o peso corporal, mellorar a calidade nutricional da dieta ou reducir a cantidade de sal. Estes consellos poden ser consultadas por todos os cidadáns a través da páxina http://www.sergas.es.

A conselleira tamén sinalou que a Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública continúa a traballar na publicación de recomendacións máis específicas destinadas á sensibilizar ás persoas maiores e aos seus coidadores sobre as repercusión da nutrición no envellecemento.

Así, outra das actuacións da Consellería de Sanidade neste eido é a elaboración de menús diarios saudables confeccionados con alimentos de orixe galega, propios da tradición cultural e gastronómica da comunidade autónoma.

Ademais, lembrou que a Escola Galega de Saúde para os Cidadáns inclúe sesións informativas sobre alimentación e actividade física a través de distintos ámbitos como o municipal e o escolar.

Por último, avanzou que tamén se están a especificar espazos a través da plataforma web para facilitar a participación e comunicación social, poñendo a disposición dos usuarios contidos e consellos sobre alimentación, nutrición e prevención de enfermidades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia