Sólo Voces inaugurou os Xoves de Cultura Aberta nos xardíns da Deputación
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/solo_voces.jpg)
O Grupo Vocal "Sólo Voces" fundouse en Lugo en 1992. Dende entón leva traballando diversos ámbitos do repertorio coral: a música popular (rock, folk, pop...) e a culta (gregoriano, música sacra e profana de autores consagrados, obras de compositores contemporáneos...), baixo a dirección de Fernando G. Jácome. Nos primeiros anos de existencia presentouse a Certames corais, e foi galardoado en varias ocasións: 1º Premio “Con música propia” – RTVG (ano 1995), 1º Premio de Interpretación “Memorial Anselmo Iglesias” – Ourense (1996), 2º Premio “Certamen Villa de Avilés” (1998), Medalla de ouro “Festival de Advento” – Praga (2000), 1º Premio “III Certame de Corais de Galicia Vila de Marín" (2000), entre outros. Ten editados tres cds: Cantares (ano 2000), con clásicos do rock e da música sudamericana, Clásicos galegos, Vol. 1 (ano 2000), coa Orquestra Municipal de Xove baixo a dirección de Xan Carballal, onde se recolle música de autores lucenses, e Nihil novum sub sole? (ano 2005) con música sacra do século XX.
Estas actuacións abren así un ano máis as portas dos xardíns do Pazo de San Marcos e enchen de música e divertimento as tardes de verán lucenses. Tras varios anos de percorrido, consolídase unha proposta que medra de edición en edición e que, cada vez máis, conta co interese e a fidelidade do público lucense. Cultura Aberta é un programa que quere achegar propostas de lecer e culturais a toda a poboación, xa que os contidos se van adaptar a todos os públicos. Despois da experiencia pluricultural e colorista do ano pasado, na que os xardíns se inzaron de sons e de postas en escena chegadas doutros lugares como Cataluña, País Vasco ou mesmo Angola, nesta edición faise fincapé no propio, con propostas artísticas, culturais e musicais locais, para reivindicar a calidade e a diversidade da produción cultural da nosa contorna. Deste xeito, todas as actuacións dos Xoves de Cultura Aberta deste ano son de artistas e grupos de Lugo, e as dos mércores serán levadas a cabo por compañías galegas ou estreitamente vinculadas con Galiza.
PROGRAMA CULTURA ABERTA NOS XARDÍNS
Xoves de Cultura Aberta (ás 21:00 h.)
Presentados por Isabel Risco
7 de xullo – Sólo Voces
14 de xullo – Murajazz Big Band
21 de xullo – Safari Orchestra
28 de xullo – Leña Verde
4 de agosto – Mago Martín Varela
Mércores Miúdos (ás 18:30h.)
6 de xullo – Elefante Elegante (Tristán Cara de Can)
13 de xullo – Pablo Díaz (Tic Tac)
20 de xullo – Ghazafelhos (Contos para escagarriñarse)
27 de xullo – Circo Alboroto (Un poco de corudra en medio de tanta locura)
3 de agosto – Pajarito (La Vida Loca)
Xoves de Cultura Aberta
SÓLO VOCES
O GRUPO VOCAL "SÓLO VOCES" fundouse en Lugo en 1992. Desde ese momento segue traballando en diversos ámbitos do repertorio coral, baixo a dirección de Fernando G. Jácome, con especial dedicación á música antiga e á difusión dos autores locais.
Editou catro CD: Cantares (ano 2000), con clásicos do rock e da música sudamericana; Clásicos galegos Vol. 1 (ano 2000), coa Orquestra Municipal de Xove, baixo a dirección de Xan Carballal, no que se recolle música de autores lucenses; e Nihil novum sub sole? (ano 2005) con música sacra do século XX. Este ano presentou “Dous séculos de música lucense”, un novo CD con música de autores de Lugo.
Outros aspectos do repertorio levaron a “Sólo Voces” a cantar nos ámbitos máis diversos: coa mestura do humor coa seriedade, a música coa poesía, en toda Galiza, e fóra dela (Casa de Galiza en Madrid, Casa de Galiza en Lisboa, programación musical de advento en Salzburgo, e Praga); coa zarzuela Bohemios, en Lugo, baixo a dirección de Jorge Rubio; ou con música de polifonistas españois acompañando o grupo de música antiga “Orpheon Consort”, de Viena.
Así mesmo ofreceron un concerto monográfico sobre Tomás Luis de Victoria, en Ávila e Lugo, e participaron en distintos festivais de música: IX Certame de Música Sacra de Ourense, XXVII e XXVIII Semana de música do Corpus lucense, VII Bienal de polifonía regional autóctona (Cangas de Onís), II e VI Ciclo de Música Sacra de São Pedro de Rates (Portugal). Tamén é salientábel a participación no II Festival de música de Compostela e os seus camiños VIA STELLAE (ano 2007) e no Ciclo de música vocal de ESPAZOS SONOROS (ano 2008) que consolida a “Solo Voces” como unha agrupación de peso no panorama musical galego.
O presente concerto, dentro do programa Cultura Aberta, ofrece un primeiro bloque de pezas galegas, –algunhas de autor e outras arranxos de pezas populares –, entre as que se inclúen a famosa Negra sombra do lucense Montes, ou Lela, do vilalbés Rosendo Mato. E como punto de inflexión, a coñecida peza irlandesa Danny Boy métenos nun segundo bloque de pezas informais, arranxos de temas clásicos e pop.
MURAJAZZ BIG BAND
Entre profesores e alumnos destacados de varios conservatorios e escolas de música da provincia de Lugo xurdiu a idea de achegarse ao mundo do jazz polo camiño das grandes bandas dos anos 30 e 40, que incluían o maior número de compoñentes e instrumentos no escenario.
Despois do San Froilán de 2009 fundaron a Asociación Cultural “Sons do Miño”, e a carón deste río, na antiga Casa do Concello de Rábade, comezaron os ensaios baixo a batuta de Alejandro Troya. Coa vontade de contribuiren á difusión deste rico estilo de música sen fronteiras, menos explorado nos nosos centros educativos musicais, e á promoción da muralla romana de Lugo no ano no que se cumpría unha década do seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, tomaron para a súa big band o nome de MURAJAZZ. A extraordinaria acollida do público dende a súa presentación, levounos a ofrecer, xa no seu primeiro ano de vida, unha decena de concertos en salas, clubes de jazz e tamén, para todos os públicos, na rúa. Destaca a súa participación na XX Semana de Jazz de Lugo.
SAFARI ORCHESTRA
Safari Orquestra é un colectivo que practica unha mestura entre a electrónica de vangarda, house-funk e downtempo. Móvense con soltura entre os ritmos electrónicos e as raíces, formando un collage sonoro orixinal e impactante. Utilizan o rap en galego para cantar, o que lle da á súa proposta un enfoque diferente. O directo consiste nunha sound system, DJ, baixo eléctrico, saxo e dúas voces. A principal novidade e a incorporación ao proxecto da vocalista de jazz Najla Shami, que lle imprime un toque de sutileza e dozura ás bases crúas da Safari Orquestra. O concerto consta de dúas partes; na primeira o combo musical presentará os temas do seu novo disco Ben Deitei, gravado e producido da man do produtor lucense Arturo Vaquero, e que é unha pequena mostra da mestura de estilos e músicas que practica Safari, e unha parte final protagonizada polo alquimista Dr. Think (DJ do grupo) co que deleitará a tod@s, cunha sesión na que lles rende homenaxe a todas as influencias musicais da Safari Orquestra.
LEÑA VERDE
Recollendo o testemuño dunha formación escolar homónima que existira no concello de Pol nos anos 50 e 60, Leña Verde inicia a súa actual etapa no 1994 xuntando a un grupo de amigos, -dous deles membros da formación histórica-, ao redor da cultura, da festa e da música tradicional.
Dezasete anos despois a banda está a presentar o seu terceiro traballo discográfico A contratempo, cun espectáculo alimentado por un repertorio vocal e instrumental que viaxa dende a tradición case espida até arranxos folk debedores da tradición clásica, do jazz, do pop ou das bandas de música populares. Completan a proposta as danzas e o baile que arroupan e incluso fundamentan moitas das interpretacións, achegándoas ao público e envolvéndoo de festa.
MAGO MARTÍN VARELA
O mago Martín Varela é o mago máis novo do actual panorama máxico galego. Nesta ocasión preséntanos o seu espectáculo 15 Ilusións para unha noite:
15 poderían ser 15 palabras, entre outras: amor, entusiasmo, paixón, talento, emoción, comunicación… Aínda que 15 poderían ser tamén outros tantos trucos de maxia: aparicións, desaparicións, transformacións, levitacións, adiviñacións…
“Sempre pensei que cada quen ten a idade das súas ilusións. E o mago Martín Varela ten 15 ilusións que quere compartir contigo nunha noite fermosa do mes de agosto. Achégate e coñecerás de preto, un digno sucesor de Waldemar ou de Lorc. “ (Mago Antón dixit.)
Mércores Miúdos
ELEFANTE ELEGANTE
O Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. As súas creacións buscan a universalidade, e xorden da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. A compañía, de orixe galego-portuguesa, creouna en 2007 María Torres e Gonçalo Guerreiro e ten a súa sede na Coruña. Nace para lles dar forma artística ás súas inquedanzas sociais e existenciais.
TRISTAN é un espectáculo visual dirixido ao público infantil, dos 3 aos 12 anos. É unha comedia xestual interpretada ao estilo dos debuxos animados na que as palabras se transforman en xestos. Os personaxes falan unha lingua inventada que o público descifra inmediatamente e a música acompaña o ritmo dinámico da acción. Os temas da soidade, do abandono e da tristeza son tratados dende unha perspectiva cómica e inxenua co fin de interpelar aos máis pequenos. O espectáculo conta a historia de Tristán. Un día, de tan triste que estaba, decidiu arrancar o seu corazón para nunca máis sufrir e deullo a un paxaro que pasaba por alí. Mais as cousas non lle saíron como el esperaba. Tristán non deixou de sufrir, e o que foi peor, nunca máis un sorriso, por pequeno que fose, se debuxou nos seus beizos. A partir daquel día pasaron a chamarlle “Tristán cara de can”. Pero a historia non remata así... Dentro dunha misteriosa caixa aparece unha boneca de trapo que vai facer todo o que poida para facer rir o noso personaxe. Será capaz?
PABLO DÍAZ
Froito dunha incesante actividade musical e vital, o multiinstrumentista e cantante galego Pablo Díaz, preséntanos o seu primeiro traballo discográfico en solitario: Tic-Tac.
Tic Tac é un libro-disco para nenos grandes e pequenos, no que Pablo Díaz embarca os cativos nunha aventura fascinante facendo un percorrido por distintos ritmos cos que, dende a perspectiva do folk, abarca a universalidade da música, dende o xénero clásico até o jazz, pasando polo rock, o soul, o swing e os ritmos latinos. Deste xeito e da man de Pablo, os nenos espertan coa canción do Tic-Tac, bailan co Rock do porco celta, viven mil contos que van arrolando a imaxinación.
As 16 cantigas do disco abordan temas próximos aos cativos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, de xeito que se lles proporciona vocabulario e fórmulas de expresión a través da música. Compleméntase cunhas orixinais ilustracións feitas coa técnica do linogravado, un método recuperado por Marc Taeger co que afonda no carácter tradicional da obra. Algunhas das musicais deste traballo, nas que colaboraron Xabier Díaz e Guadi Galego entre outros, forman parte das actividades de animación lingüística da campaña “Palabras no Ar” que KALANDRAKA realiza en concellos galegos.
GHAZAFELHOS
Ghazafelhos é unha compañía de teatro nacida en Ferrolterra. Na súa andaina dende o 2006, fai monicreques, animación, contacontos, teatro de interior e rúa, pasarrúas... Especializada en teatro familiar, ten un recoñecido traballo en moitos teatros galegos e fóra de Galiza. No último ano, ten espectáculos como Frankenstein presente na feira de Teatro de Galiza; O país dos mandóns, contacontos que fomenta a igualdade entre xéneros; Contos para escagarriñarse, espectáculo de rúa moi participativo, e ten en proxecto Nana para un soldado, que se estreará o 2 de outubro en Narón, un espectáculo traxicómico para público familiar, coa guerra de fondo.
Ghazafelhos poñen a proba os esfínteres familiares coa súa última proposta: Contos para escagarriñarse. Non, non é nada escatolóxico. Ghazafelhos representarán tres historias de terror, misterio e loucura coas que os nosos pais, nais , avós, avoas, etc … nos torturaron docemente durante a nosa infancia. Contos para escagarriñarse!!!
Pregámoslle ao público que acuda con papel... hixiénico...
CIRCO ALBOROTO
“Alboroto” é unha compañía de circo que se forma a finais de 2006. Os seus catro integrantes dedícanse profesionalmente ao circo desde hai xa varios anos, realizando xiras co seu espectáculo de rúa por Arxentina, España e México, e participando tamén en diferentes producións de sala.
Os seus espectáculos toman como punto de partida as técnicas circenses (monociclo, spining, contorsionismo, malabares…) e incorporan tamén elementos doutras disciplinas como o teatro, a danza e o clown.
Eles son Rula, Mumina, Cartucho e Tle Tle, catro excéntricos personaxes con estrañas habilidades. En conxunto son un circo itinerante que nos traslada a outro espazo, a un mundo absurdo. Constrúen figuras e pirámides humanas, paran nas súas mans, rebotan ao ritmo dos malabares, soben por teas e escalan paus chineses… despegan e ás veces, porque non, tamén caen.
“Alboroto”, catro personaxes, un chisco de humor, outro tanto de risco e dúas culleriñas de sal. Espectáculo para todas as idades. Un cóctel de risas e destrezas para alborotar o ambiente.
Pasen e vexan…
PAJARITO
Unha muller-nena que encandila, anda solta polas rúas, xogando nunha praza. Acróbata, mimo, escapista, pallasa, e humorista, axiña todo o que lle rodea entra a formar parte do seu universo. Irremediablemente, momentos inesquecíbeis e imparábeis vanse sucedendo a través da súa interacción co público, coa súa singular linguaxe, mesturándose coas risas e gargalladas dos transeúntes que paran para ver que tolerías lles ofrece esta gran pallasa.
“Pajarito” é a número 1, e a número 2 tamén… “Pajarito” é patrimonio da humanidade, a oitava marabilla do mundo!!! Con dous voluntarios, moitos xogos e un fermoso número de escapismo asistiremos a un proceso de liberación das súas ataduras no que a pequena “pajarito” rematará libre coma o vento e con moitas ganas de coñecer o mundo.
Fotografía: archivo GD / Carlos Rodríguez Arias
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo