Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, no 800º aniversario da Catedral de Santiago de Compostela

O festival Via Stellae programa o mércores 13 o cuarto dos seus concertos e primeiro no escenario do Auditorio de Galicia de Santiago coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia como protagonista. A formación musical galega presenta a partir das 20,30 horas o seu concerto Capricho e danza, un espectáculo froito do encontro orquestral para novos intérpretes que estes días organiza na cidade herculina o Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, e que está sendo impartido polos profesores da Orquestra Sinfónica de Galicia, considerada unha das mellores orquestras españolas. O festival, que organiza a Consellería de Cultura e Turismo a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coa colaboración do Consorcio de Santiago e o concello compostelán, celebrase no marco do Ano da Música de Galicia e do 800 aniversario da Catedral de Santiago.

Os 81 novos músicos da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia ofrecerán no Auditorio de Galicia un concerto que xira en torno á corrente musical do século XIX e principios do XX que se definiu como Nacionalismo. O programa inclúe, en concreto, célebres fragmentos orquestrais do Nacionalismo español e ruso como a ópera La vida breve, do gaditano Manuel de Falla; as Danzas fantásticas, do sevillano Joaquín Turina; ou os coñecidos Capricho Italiano de Tchaikovski e Capricho Español de Rimski‐Korsakov.

Á fronte da Orquestra Nova en Capricho e danza vai estar neste concerto do Via Stellae 2011 Rubén Gimeno, un dos valores en alza dentro da dirección orquestral en España. Graduado na Universidade de Maryland e alumno de Jorma Panula no Conservatorio de Estocolmo, é director titular da Orquestra Sinfónica do Vallés (Cataluña) e foi director artístico da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia durante case unha década, ao mesmo tempo que violinista da Sinfónica de Galicia. Como director convidado colaborou coa maior parte das orquestras españolas e dirixiu a solistas da talla de Dimitri Sitkovetsky, Fazil Say, Kirill Gerstein, María Bayo,ou Michel Camilo.

Pola súa parte, a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia é un dos proxectos educativos máis serios e orixinais do panorama musical español, unha das poucas posibilidades reais de achegar aos futuros músicos profesionais á imprescindible práctica do seu instrumento no seo dunha orquestra sinfónica. Desde a súa fundación en 1994, a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia permitiu a centos de mozos instrumentistas completar a súa formación musical participando en espectáculos operísticos e concertos sinfónicos, baixo o maxisterio de mestres como Alberto Zedda, Víctor Pablo Pérez, James Judd, Pietro Rizzo, Michael Gilbert, James Ross ou Joan Company entre outros. A Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia forma parte da gran familia musical da Sinfónica de Galicia, integrada ademais pola Orquestra de Cámara, o Coro, o Coro Joven, os Nenos Cantores e, de máis recente creación, a Orquestra de Nenos.

Concerto na Igrexa da Universidade

O sevillano Fahmi Alqhai, un dos mellores músicos da actualidade en interpretacións coa viola de gamba, será o protagonista deste concerto programado para o xoves 14, ás 20,30 horas, na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. As voces da viola é o primeiro dos tres espectáculos do Festival Via Stellae 2011 que se van celebrar neste recinto sacro e que poderán ser gozados de balde, previa retirada das entradas no despacho de billetes do Teatro Principal. O concerto do xoves inclúe música de autores dos séculos XVI, XVII e XVIII de Francia, Inglaterra e España, que, a pesar de gozar de fermosos sons, segundo a crítica, é pouco difundida.

O programa, que inclúe obras dos españois Diego Ortiz e Gaspar Sanz, do inglés Tobias Hume e dos franceses Charles Dollè, Antoine Forqueray e Marin Marais, fai un repaso á historia deste instrumento de singular son que caeu no esquecemento durante o século XVIII e que nos últimos vinte anos comezou a adquirir de novo presenza nas salas de concerto. Con 35 anos de idade, o mestre Alqhai é requirido dende moi novo polas agrupacións máis importantes do panorama internacional da música antiga e barroca e ofrece concertos nas salas e festivais máis destacados de Europa, Estados Unidos, Xapón e Sudamérica. Ten realizado numerosas gravacións discográficas, para radio e televisión por todo o mundo, sendo ademais o fundador do selo Alqhai&Alqhai. Este músico dirixe tamén o seu grupo Accademia del Piacere e, dende hai dous anos, é director artístico do FeMÁS (Festival de Música Antiga de Sevilla).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia