O Arquivo do Reino de Galicia acolle o encontro da UIMP Cen anos de Cunqueiro
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/alvaro_cunqueiro.jpg)
Segundo Francisco López, o grande mérito de Cunqueiro non foi só recoller a nosa “enraizada tradición de oralidade”, senón “empregar o seu enorme talento para renovala e reforzala, ata convertela nunha obra literaria tan abundante como tremendamente orixinal”. O director xeral explicou que cando se lee Cunqueiro un pode lembrar as historias dos nosos devanceiros e admirar os modernos recursos narrativos que utilizaba o escritor mindoniense. “Nesa mestura radica o éxito da construción dun universo máxico que anticipou o camiño polo que despois discorrería boa parte da novela do último terzo do século XX”, asegurou.
Para o responsable da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, tal capacidade para fabular só a pode despregar “un auténtico soñador, un fabulador que cando escribía describía as illas nas que Ulises pasaba as súas mocidades, facíao inspirándose nas Cíes e en Sálvora; e cando pintaba un porto do Golfo Pérsico, pensaba en Foz ou Viveiro; e cando falaba da Bretaña do Sochantre de Pontivy, en verdade estaba a falar de Galicia”. “Porque no fondo, era de Galicia do que sempre falaba Cunqueiro”, engadiu.
Francisco López gabou o a programación e o nivel dos ponentes que ata o vindeiro 15 de xullo pasarán polo Arquivo de Galicia para falar do legado literario de Cunqueiro, o que cualificou como “unha excelente homenaxe aos cen anos do gran fabulador, do soñador de palabras, do embaixador da Galicia mítica e do namorado da lingua”. Finalmente, o director xeral asegurou que este curso achegará e complementará un pouco máis “o fantástico universo que creou don Álvaro, aínda que a única forma de internarse de cheo nos recunchos dese universo e lendo as súas extraordinarias historias”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia