Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Sogama estudia a viabilidade da implantación de illas de reciclaxe nos centros escolares de primaria

A Sociedade Galega do Medio Ambiente adéntrase nun estudo de viabilidade que ten por obxecto analizar a posible implantación, a modo de programa piloto, das denominadas “illas de reciclaxe” nos centros escolares galegos; unhas infraestruturas que estarían conformadas por distintos colectores de recollida selectiva, de 90 ou 120 litros de capacidade, destinados a acoller os envases lixeiros (bolsa amarela), o papel e cartón, e a parte non reciclable (bolsa negra). Así mesmo, valorarase a posibilidade de dotar aos colexios que contan con servizo de comedor escolar dun ou dous composteiros nos que depositarían os restos de alimentos para a fabricación de compost, un abono natural a utilizar como fertilizante de alta calidade nos xardíns e hortas dos propios recintos.

Trátase dunha iniciativa pionera coa que se pretende promover a participación da comunidade educativa no sistema de recollida selectiva a través da formación e a aplicación real dos coñecementos adquiridos. Para isto, profesores, alumnos e persoal auxiliar recibirían a información necesaria para materializar esta actuación, na que se terían en conta, entre outros, os condicionantes xeográficos, loxísticos e poboacionais, así como a colaboración dos concellos a nivel de recollida e axeitada xestión das distintas fraccións de residuos.

Con este proxecto, Sogama quere dar resposta ás numerosas peticións trasladadas polos centros a raíz da difusión da quinta edición da campaña educativa “Ti es a peza que falta”, e que durante o período académico 2010-2011 centrou a súa atención na separación de refugallos en orixe e correcto depósito dos mesmos nos colectores habilitados para tal fin nas vías públicas.

A iniciativa, bautizada co eslogan “Convírtete nun superheroe da reciclaxe”, e á que se adheriron máis de 4.000 escolares, corroborou a alta receptividade deste sector cara as mensaxes medioambientais, considerando que a mellor forma de interiorizar as recomendacións en materia de segregación de residuos era levalas á práctica nos propios colexios.

Aínda que o estudo se atopa en fase inicial, espérase obter as primeiras conclusións a principios de curso, o que daría pe a implantar un proxecto piloto nun total de 10 centros; unha experiencia que, de ser exitosa e contar cos medios necesarios, podería ser extrapolada a outros centros.

OS ESCOLARES, UNHA GARANTÍA PARA O FUTURO DO MEDIO AMBIENTE

A alta sensibilidade ambiental da comunidade educativa está fóra de toda dúbida. O medio ambiente foise incorporando ás distintas disciplinas académicas como unha temática transversal que, a día de hoxe, está plenamente afianzada.

O programa de visitas ás instalacións de Sogama así o acredita. Das 52.000 persoas que formaron parte do mesmo desde o ano 1999, unha alta porcentaxe estaba conformada por escolares e docentes procedentes de distintos puntos de Galicia. Os que proban, repiten. Tanto é así, que en moitos colexios xa se instaurou a visita ao Complexo Medioambiental de Cerceda como actividade formativa de carácter obrigatorio polos seus notables beneficios sociais. “Os pequenos teñen a oportunidade de descubrir o auténtico problema que representa o lixo que producen a diario e a importancia de contar con infraestruturas axeitadas que permitan sometelo a un tratamento viable e sostible”; así se pronunciaban diversos responsables de grupo tralo percorrido guiado polas plantas que conforman o Complexo cercedense, previas explicacións realizadas polos educadores medioambientais ao servizo de Sogama.

Son moitos os que aseguran que, tras coñecer en primeira persoa o labor desta empresa, o seu comportamento cambia de forma sustancial, xa que toman conciencia da importancia da súa colaboración para minimizar a produción de residuos e propiciar o seu posterior reciclado, contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e materias primas virxes.
Departamento de Comunicación de Sogama