Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia prepara un Plan Estratéxico para o surf

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, avanzou que a Xunta está a traballar no deseño dun Plan Estratéxico para o Surf de Galicia para “así crear unha marca de calidade que de prestixio as nosas praias e servizos.” Lete Lasa fixo este anuncio na presentación en Ferrol do campionato de surf ‘Pantín Classic 2011’, na que tamén participou a secretaria xeral par o Turismo, Carmen Pardo.

O secretario xeral para o Deporte, destacou na presentación do campionato que se celebrará do 13 ao 18 de setembro na praia de Patín de Valdoviño, que Galicia ofrece unhas condición inmellorables para a práctica do surf, contando con máis de 100 praias aptas para a práctica deste deporte en diferentes condicións de ondas e vento. Ademais, a comunidade galega pode garantir 340 días anuais válidos para a práctica deste deporte. Por isto a Xunta de Galicia, afirmou, ven mostrando dende sempre o seu compromiso ca práctica deste deporte en xeral e co ‘Pantín Classic’ en particular.

Lete Lasa destacou no seu discurso a gran vinculación da cidade de Ferrol ca práctica do deporte do surf, sendo esta cidade a primeira na que se fundou un club de surf, o Océano Club Surf, ademais de acoller a primeira tenda de surf de Galicia, Aquasurf e o primeiro campionato, o Pantín que neste ano celebra xa a súa 24ª edición. Ademais o secretario xeral para o Deporte tivo palabras de ánimo para os deportistas galegos que participarán no evento como Goni Zubizarreta, Pablo Montero, Erika Franco ou Yolanda Rodríguez.

Na súa intervención, o secretario xeral para o Deporte manifestou que co apoio a este evento a Xunta de Galicia mostra o seu compromiso co deporte e co desenvolvemento de hábitos de vida saudables. Engadiu que este compromiso vai máis aló da competición, as vitorias e as medallas, e referiuse ao programa Galicia Saudable, posto en marcha pola Xunta co obxectivo de mellorar a saúde mediante a práctica regular da actividade física e a adquisición de hábitos alimenticios saudables.

O valor engadido da paisaxe

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, asegurou “a regularidade, a constancia e a garantía de ondas de grande calidade converten a Pantín na mellor opción para celebrar un evento tan relevante como o Pantín Classic Pro”. Asemade, Carmen Pardo destacou que este campionato de surf ten “o gran valor engadido de celebrarse nunha área de enorme beleza natural e a escasa degradación do medio natural, unha das zonas de Galicia con maior densidade de castelos medievais, os cantís máis importantes do país e as lagoas e zonas húmidas máis fermosas de Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia