Metamorfose da imaxe poética reúne na Casa da Parra 22 obras de Philip West
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/philip_west.jpg)
Procedentes da importante colección que o propio Philip West (York, 1949-Zaragoza, 1997) legou á Fundación do seu amigo Eugenio Granell en Compostela, as 16 pinturas e seis debuxos aquí reunidos foron realizados en Zaragoza entre 1983 e 1996, sintetizando así o proceso de traballo que o artista desenvolveu na última fase da súa vida. Nese período, a súa obra caracterízase pola simplificación das imaxes, os espazos labirínticos, a fragmentación de superficies e as viñetas xustapostas, explicando dun xeito poético a contraposición de ideas.
A etapa de Zaragoza, cidade na que atopa o seu espazo e crea a maior parte da súa produción plástica, é fundamental na súa evolución artística. Comeza a introducir un maior número de obxectos en cada proposta e as dualidades existenciais (vida-morte, realidade-soño, natureza-máquina, home-muller...) sitúan a idea do antagónico e da metamorfose nun lugar substancial da súa pintura. A cor plana, a implantación dunha iconografía máis simple e rotunda e a destacada presenza do debuxo engrandecen, así mesmo, a idea de West en torno á utilización da alegoría histórica.
Militancia surrealista
As 22 obras seleccionadas trasládannos, pois, ao final dunha traxectoria que, de xeito global, se caracteriza pola vehemencia ao representar os seus soños e pola militancia emocional no campo do surrealismo. Non en van, West opinaba que quizais a súa obra expresaba o que el era como individuo: “Aprecio tanto o que vivo esperto, como durmido”, aseguraba.
Pintor, escritor e editor, Philip West sentiuse atraído polo surrealismo dende moi novo, especialmente pola obra de Magritte, De Chirico e Max Ernst, e deixou constancia escrita da influencia que exerceron no seu pensamento André Breton, Octavio Paz, Proudhom, Luis Buñuel, Lewis Carroll ou os irmáns Marx, entre outros. A súa actitude independente e libre en extremo lévao a formular o seu traballo desde perspectivas persoais e vivenciais, “como un xeito de achegamento á vida”.
A súa andaina profesional comeza na década dos setenta, como parte do grupo que crea John Lyle en torno á revista “La Transformación” e uníndose máis tarde ao grupo surrealista Phases. Defensor do surrealismo automático, a súa obra fundaméntase nun coidado debuxo a través do que expresa con gran minuciosidade os detalles. Nas descricións emprega cores brillantes e a súa linguaxe tende á metamorfose.
Despois dunha primeira estadía en España, o pintor viaxa a Venezuela atraído pola flora e fauna do país americano, que deixa unha fonda pegada na súa obra e reflicte, ademais, a súa gran paixón pola natureza, coa ornitoloxía e o exotismo vexetal moi presentes na súa pintura.
Legado en Compostela
Gran amigo de Eugenio Granell, en 1997 West toma a decisión de ceder á Fundación Granell unha ampla parte da súa obra xunto coa súa biblioteca persoal, formada por un importante fondo de libros, catálogos e revistas relacionados co surrealismo internacional.
De acceso gratuíto, o horario de apertura ao público de ‘Philip West. Metamorfose da imaxe poética’ é de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas e os domingos de 11.00 a 14.00 h. Os luns e festivos a mostra permanece pechada.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia