O Teatro Rosalía da Coruña acolle unha homenaxe ao poeta chairego Manuel María
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/manuel_maria_firma.jpg)
Manuel María foi un prolífico escritor que deixou máis de cen obras literarias escritas nos diferentes xéneros, mais que destaca como poeta con máis de cincuenta títulos. Estivo moi vinculado á cidade da Coruña, pois foi o lugar que escolleu para vivir unha vez que chegou á súa xubilación laboral e o lugar onde faleceu un 8 de setembro de 2004, polo tanto, hai xustamente sete anos.
Cada ano por estas datas, a Fundación que leva o nome do escritor, realiza un acto de rememoración e de divulgación da súa obra. No presente farao mediante a estrea dun documental producido por Pixel Films, baixo a realización Mikel Fuentes e o guión de Anxa G. Refoxo.
Nel recréanse os “Sonetos á Casa de Hortas” onde o poeta evoca a súa casa natal de Outeiro de Rei, lugar que a Fundación pretende converter en Casa Museo do escritor. Por outra parte, Xabier Díaz e Guillerme Fernández incluirán dentro do seu concerto cinco pezas feitas sobre poemas de Manuel María, sendo dúas delas preparadas especificamente para este acto. Completarán o repertorio con outros temas xa incluídos nos dous discos xa publicados por eles á marxe de Berrogüetto, “Músicas de salitre” e “Arrolos de salitre”. Sumaranse deste xeito aos numerosos grupos que teñen musicado poemas de Manuel María e mesmo dedicado discos enteiros. Desde Suso Vaamonde, Fuxan Os Ventos, Miro Casabella, A Quenlla, María Manuela, Milladoiro, Uxía, Berrogüetto... todos eles teñen contribuído, sen dúbida, a popularizar a poesía de Manuel María.
Fundación Manuel María de Estudos Galegos