Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O pop de La Bien Querida pecha o Atardecer no Gaiás

O pop transparente e directo de “La Bien Querida”, convertida nun dos grandes nomes do indie español dende o seu disco “Romancero”, e a música electrónica de dj BFlecha porán o próximo sábado día 10, ás 21,00 horas, un broche de ouro a “Atardecer no Gaiás”, ciclo que remata despois de levar vinte e catro espectáculos á Cidade da Cultura de Galicia ao longo deste verán. Antes da festa de final de ciclo do próximo sábado, a praza central do Gaiás acollerá mañá xoves, ás 21,00 horas, o concerto de música clásica de “Ensemble Galante” e o venres día 9, tamén ás 21,00 horas, o recital de música medieval de Grupo Meendinho. Como vén sendo habitual neste ciclo, todos os concertos son de entrada gratuíta, sen que sexa preciso facer reserva.

A noite especial de remate do ciclo comezará co concerto en formato acústico da cantautora Ana Fernández Villaverde (alter ego de “La Bien Querida”), quen interpretará as cancións de Fiesta, o seu segundo traballo, e tamén de Romancero, elixido mellor disco do ano polas revistas “MondoSonoro” e “RockDeLuxe”. Coa gravación de Romancero, La Bien Querida converteuse nunha referencia do pop nacional e un descubrimento fora de España. As melodías e formidables letras deste álbum a fixeron merecedora de efusivas críticas por parte da prensa especializada, levándoa a triunfar en festivas como o FIB, o Primavera Sound, Contempopranea, FIB, South Pop ou Twoday Festival e a firmar colaboracións con grupos como “Los Planetas” ou a abrir os concertos de Julieta Venegas en México.

Despois deste éxito, Fiesta foi, sen dúbida, un dos discos mais esperados deste ano. Con arranxos e a produción de David Rodríguez (BEEF, La Estrella de David), “La Bien Querida” volve a presentar un álbum repleto de melodías inesquecibles, no que o pop se abre a toques de rancheiras, rumbas e mesmo flamenco, e con letras que son tratados incontestables de amor universal, un traballo, amplo, aberto e esixente e cheo de emocións.

Música electrónica

Despois de “La Bien Querida” será a quenda de Bflecha, dj afincada en Vigo que chega ao Gaiás cando está a piques de sacar ao mercado o seu último ep “Quasi Naves”, cuxo lanzamento está previsto para outono.

Formada nos clubs de Portugal, Alemaña e Reino Unidos, dj BFlecha é xa un dos grandes nomes da música electrónica nacional, con sesións memorables en grandes festivais internacionais e sinalada pola crítica como un dos pratos fortes que se agardan para o ano 2012. A pesar da súa mocidade ten una longa carreira, na que pasou por diferentes estilos e formacións dendo o seu primeiro traballo, co selo Arkestra Discos, no que presentou a súa visión technicolor do son dirty, ritmos marteleantes, mesturados con psicodelia multicolor.

Música clásica e medieval

Manuel Morales e Patricia Rejas, compoñentes de “Ensemble Galante”, ofrecerán mañá un programa de frauta e fortepiano centrado nas obras de catro dos máis importantes membros da familia Bach, encabezada por Johan Sebastian Bach e seguido por Wilhelm Friedman Bach, Carl Philipp Enmanuel Bach e Johann Christian Bach.

O venres será o serán dedicado a música medieval a cargo de Grupo Meendinho, unha formación fundada por Paulina Ceremuzynska e que ofrecerá un concerto no que fará un recorrido pola música que se escoitaba en Galicia nos séculos XII e XIII.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia