Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia pide coordinación institucional ante Bruxelas para que se atendan as súas demandas pesqueiras

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avogou por renovar a coordinación institucional “para que as demandas de España –dixo- sexan atendidas en Bruxelas, tanto con carácter xeral, na reforma da Política Pesqueira Común; como no caso concreto dos túnidos, na loita contra a piratería e contra a competencia desleal. “Do mesmo modo que esta Conferencia Mundial do Atún ilustra a aposta do sector pola cooperación, e do mesmo modo que a unidade guía desde fai anos –a través de ANFACO- as súas actividades; creo que tamén os gobernos habemos de renovar de forma constante a colaboración que nos permita dar resposta ás necesidades do sector e da industria pesqueira”.

Aproveitando a presenza, na apertura da V Conferencia Mundial do Atún, das distintas administracións, Feijóo propuxo renovar a coordinación institucional, “que debe estenderse –afirmou- de forma ininterrompida no tempo”. “Traballar unidos e dar imaxe de cohesión sempre nos deu bos resultados e confío en que poda seguir sendo así para que as demandas de España sexan atendidas”, aseverou.

O responsable do Goberno galego salientou que, no ámbito atuneiro hai dificultades que requiren do esforzo e da participación de todos, como os problemas de seguridade que sofren durante as faenas no Índico. E, neste sentido, afirmou que “promover medidas que traten de frear o fenómeno da piratería debe seguir sendo unha das peticións máis contundentes pola nosa parte”.

Así mesmo, referiuse tamén á busca de solucións para reverter a competencia desleal, “estimulada por outros países que integran os seus produtos ao amparo de acordos comerciais que, na nosa opinión, son certamente negativos como o firmado con países do Pacífico e Papúa Nova Guinea , e que temos que seguir intentando que se revise”.

Feijóo afirmou que “o sector atuneiro non pode sentirse seguro cando se somete á liza comercial e empresarial con aqueles que aproveitan os máis laxos requisitos ambientais, laborais ou económicos existentes nalgúns países. Estamos e debemos seguir unidos ao sector na busca de mellores e máis equilibradas condicións de competencia e competitividade”.

Neste sentido, subliñou que “estamos traballando activamente no fomento da regulación dos caladoiros e na loita contra a pesca Ilegal, Non Declarada e Non Regulamentada en colaboración coa Unión Europea, coa creación, por exemplo, do segundo rexistro para buques que faenan en terceiros países e caladoiros internacionais, e que podería acoller á flota atuneira”.

Logo de lembrar que a Xunta leva, no que vai de lexislatura, posto a disposición do sector transformador e comercializador galego máis de 150 millóns de euros, o presidente da Xunta cualificou a Conferencia Mundial do Atún como un exemplo de que o sector e a industria pesqueira “queren adaptarse para seguir conquistando mercados e, por qué non, espazo na tradición lexendaria galega”.

Feijóo quixo aproveitar este acto para render unha homenaxe “aos pescadores de atún que antano navegaban en pequenos barcos de madeira e propulsada a vapor, pero que co seu empuxe lograron transformar en modernos cerqueiros conxeladores de centenares de cabalos de potencia”.

“Poderíamos dicir que eses aguerridos pescadores no que a España se refire son na súa maioría galegos, e que eles movían o 80% das 237.000 toneladas que a conserva de atún produce en España e dos 700 millóns de euros de facturación deste sector. Poderíamos dicir que foron capaces de liderar o crecemento de comarcas enteiras, como as da Mariña lucense, Celeiro ou Burela, e de auspiciar o despegue de enclaves portuarios como o de Laxe, A Pobra ou Ribeira. Ou poderíamos dicir que xeraron unha das industrias máis potentes da época, con 66 prantas conserveiras, máis de 12.000 postos de traballo e unha capacidade de internacionalización que os levou a estar presentes en países tan distantes como O Salvador, Guatemala, Nicaragua, Ecuador ou Brasil”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia