Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O SLG reclama que a Xunta dea unha solución global, definitiva e permanente aos danos causados pola fauna salvaxe

O Sindicato Labrego Galego considera o acordo asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e a Federación Galega de Caza e Asociación de Propietarios Rurais e Produtores de Caza como un desprezo cara aos labregos e labregas de Galiza pois, coma sempre, os danos sobre a agricultura e a gandería, que provocan millóns de euros de perdas cada ano, esquécense e déixanse de lado. Ata o de agora, as únicas axudas existentes ao respecto, habilitadas recentemente tras numerosos procesos de mobilización social realizados polo SLG durante décadas, só contemplan os danos producidos polos lobos baixo condicións moi restritivas, como avisar do ataque nun período menor de 24 horas. Así, as explotacións labregas do noso país están totalmente indefensas ante os ataques das rapaces sobre as aves de curral, dos corzos contra viveiros e plantacións forestais, dos xabarís contra as leiras de millo, dos cans salvaxes e outros animais contra o gando, etcétera. A única vía que lle quedan ás persoas afectadas por este tipo de danos é a xudicial, coa incerteza que isto supón.
No Sindicato Labrego Galego estamos a favor da conservación das especies salvaxes e dos ecosistemas nos que viven, pero non a costa do peto dos labregos e das labregas. Ese é un custe que debe asumir o conxunto da sociedade, e quen representa á sociedade é a Administración. Polo tanto, dende o SLG reclamamos da Xunta de Galiza e, especialmente, das consellerías de Política Agroalimentaria e Medio Ambiente, que habiliten unha liña de axudas con orzamento suficiente para afrontar, dunha vez por todas, unha solución global, definitiva e permanente a esta problemática que pon en xaque a moitas explotacións agropecuarias e forestais galegas, e mesmo fai inviábel este tipo de actividades en moitas zonas pola persistencia dos ataques. Acordos coma o asinado o 16 de novembro entre Medio Ambiente e os cazadores serve pouco máis que para saír na foto, pero non achega ningunha medida que faga pensar en que este problema se vai solucionar.
Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego