Galicia Classics homenaxea a Cunqueiro no centenario do seu nacemento
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/alvaro_cunqueiro_3.jpg)
A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto é o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20,00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19,00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento.
O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra).
Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán Vello.
Elenco
Patricia Morchón, soprano e actriz coruñesa, fixo os seus estudos musicais e de canto no Conservatorio Superior de A Coruña,licenciándose como profesora superior de canto en Madrid. Formada tamén como actriz, fixo su debut profesional asumindo o papel de Doña Inés na produción que de Don Juan Tenorio presentou o grupo Cara de Plata en A Coruña no ano 2009. Tamén desempeñou o rol protagonista de Jessica na estrea da obra Furtivos, de Antón de Santiago, presentada en 2010.
Antón de Santiago, barítono coruñés, formouse na Escuela Superior de Canto de Madrid e actualmente é responsable da cátedra de Canto do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Tamén é actor, director e autor teatral con 23 obras estreadas. Como compositor, ten escritas quince cancións baseadas en textos de poetas galegos históricos e contemporáneos. Ademais, é fundador e director da Compañía Lírica Ofelia Nieto e do Grupo Magníficat de Música Relixiosa, como tamén de Cara de Plata Teatro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia