Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ovidio Rodeiro e Rogelio Martínez inauguran o 4 de outubro as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense

O Director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovido Rodeiro e o Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, serán os encargados de inaugurar o día 4 de outubro a 23 edición das Xornadas da Banda Deseñada que este ano estarán dedicadas á memoria de Benito Losada.

As Xornadas de Banda Deseñada celebraranse do 4 ao 18 de outubro. Será este un ano de transición, marcado pola homenaxe a Benito Losada, o finado director da Casa da Xuventude e coordinador deste evento dende os seus inicios, a través dunha exposición colectiva que se ubicará na Casa da Xuventude. Para esta especial retrospectiva, 16 autores de cómic galegos, colaboradores habituais do festival, cederon varias páxinas de distintos momentos das súas carreiras, nas que condensan a súa traxectoria no medio e, en certo modo, fan unha retrospectiva da historia das propias Xornadas: 23 anos nos que Ourense asistiu aos primeiros pasos amateurs desta ducia e pico de debuxantes no seu concurso de BD para a mocidade, presenciou as súas afoutas iniciativas de autoedición e en moitos casos testemuñou a súa profesionalización. Un paseo pola historia das Xornadas no que quedará patente a figura de Losada como promotor dunha xeración de debuxantes que triúnfan aquí e no estranxeiro.

Despedida do colectivo Polaqia

Tamén haberá espazo nas Xornadas para renderlle tributo ao colectivo Polaqia, un dos grupos de autores de cómic galegos máis activos nesta última década, que anunciou a súa disolución para finais de 2011. Esta desaparición non vén motivada por mor dun fracaso ou de discrepancias persoais, senón porque os seus membros consideran que cumpriron todos os seus obxectivos e prefiren embarcarse en novos proxectos. No Museo Municipal recuperarase a exposición que puido verse no edificio Normal da Universidade da Coruña o pasado verán, na que máis de 50 orixinais aproximarannos aos 10 anos de traballo deste colectivo; unha exhibición que marcou o comezo das súas actividades de despedida.

A habitual mostra dedicada aos gañadores e accesits da edición anterior do certame de cómic e ilustración organizado anualmente polo Instituto de la Juventud (Injuve) pechará o panorama expositivo desta edición.

Demo Editorial, galardoada co Premio Ourense

O Premio Ourense de BD, que cada ano outorgan as Xornadas para distinguir as iniciativas e traxectorias máis importantes dentro do panorama da banda deseñada galega, recae este ano 2011 en Demo Editorial, por apostar pola publicación de cómics de autores galegos emerxentes e en lingua galega e pola recuperación do patrimonio histórico de Galicia mediante un medio de entretemento como é a novela gráfica.

Demo Editorial é unha iniciativa do debuxante coruñés Manel Cráneo, e iniciou a súa andadura en marzo de 2009 coa aparición de Os lobos de Moeche, do propio Cráneo, cunha trama ambientada na Guerra Irmandiña. Dentro do seu catálogo, destacan as obras gañadoras das últimas edicións do Premio Castelao, organizado pola Deputación da Coruña: Sen mirar atrás de Dani Montero, e A man do diaño, de Brais Rodríguez. Como é habitual, o Premio Ourense de BD, que chega así á súa 22ª edición, consiste nun trofeo elaborado expresamente para a ocasión polo artista plástico Manolo Figueiras.

Un cartel de José Domingo

O cartel desta edición das Xornadas foi realizado por José Domingo, o gañador da última edición da modalidade de banda deseñada do concurso Xuventude Crea. Tamén se publicará un novo número (o n.º 18 xa) do habitual Fanzine das Xornadas, a revista con toda a información sobre esta “festa galega do cómic”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia