Chega a Galicia o galeón La Pepa, conmemorativo da Constitución de 1812
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/galeon_la_pepa.jpg)
O titular de Presidencia animou a todos os galegos a visitar este galeón durante os días que permaneza na Coruña, xa que ofrece unha grande oportunidade para coñecer mellor e máis a fondo o proceso de elaboración da primeira Constitución española, o primeiro chanzo cara a democracia liberal e o estado de dereito actual.
Rueda subliñou que con este galeón, que agora chega a Galicia tras pasar por País Vasco e Cantabria, viaxa unha parte importantísima da historia de España, polo que aplaudiu a iniciativa das institucións gaditanas e andaluzas para divulgar e compartir a relevancia daquela Carta Magna e das Cortes de Cádiz, nas que participaron en torno a 25 deputados galegos.
Acompañado polo conselleiro de Gobernación da Junta de Andalucía, Francisco Menacho; polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira; e pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o conselleiro fixo fincapé nos lazos que vinculan Andalucía e Galicia, co mar sempre como gran nexo de unión e citando tamén a loita pola independencia española ante Napoleón, sendo os últimos territorios en resistir o envite francés. No acto tamén estiveron presentes o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo.
Galeón La Pepa
O galeón La Pepa percorre España conmemorando os 200 anos da primeira Carta Magna de España, promulgada o 19 de marzo de 1812. O navío conta con 55 metros de eslora, 11 de manga, case un milleiro de metros cadrados de superficie vélica e ten capacidade para acoller máis de 5.000 visitantes diarios.
No seu interior, alberga un contido de carácter museográfico que conxuga información sobre o barco e sobre a Constitución de 1812, a súa orixe, redacción, contidos e influenza. As visitas son gratuítas e o obxectivo é que as persoas que se acheguen entendan a importancia desta Carta Magna como un acontecemento fundamental na historia de España, tal e como recordou hoxe o conselleiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia