Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pamela Kurstin, nos obradoiros de theremín do ciclo Espazos Sonoros

A cuarta edición do festival Espazos Sonoros, que organiza a Consellería de Cultura e Turismo, propón, unha vez máis, novas fórmulas de achegarse á música. Nesta ocasión o protagonista é o theremín, un peculiar instrumento musical que se toca sen contacto físico directo, é dicir, sen tocalo. O son provén da interacción das mans do intérprete no campo magnético que se orixina por dúas antenas do instrumento electrónico, provocando unha sonoridade que se asemella á voz dunha soprano ou ao son dun violín.

Pamelia Kurstin está especializada na interpretación deste curioso instrumento, o theremín, co que ten feito gravacións e numerosas actuacións canda artistas como David Byrne, Richard Cheese, Béla Fleck, ou Ulver. A súa formación como contrabaixista de jazz permitiulle desenvolver a súa propia técnica para o theremín, conseguindo nas súas interpretacións e improvisacións un alto nivel de creatividade. O propio Roger Moog, inventor doutros instrumentos electrónicos, dixo dela que era a mellor intérprete de theremín que escoitara nunca.

Os dous obradoiros dedicados monográficamente ao theremín terán lugar o mércores 5 de outubro no MARCO en Vigo, ás 18,00 horas, e o xoves día 6 na Cidade da Cultura en Santiago, tamén ás 18,00 horas. Os obradoiros están abertos a todos os públicos, sen límite de prazas e até completar aforo pero se require ter coñecementos de inglés para poder seguir as charlas. Ao final da charla–obradoiro, a artista ofrecerá un pequeno concerto aos participantes.

O certame Espazos Sonoros, que desenvolve este ano a súa cuarta edición baixo o lema Novos camiños para a música, celébrase ata o 22 de outubro en diferentes espazos de interese cultural, espallados ao longo da xeografía galega. En total, a programación está integrada por 27 concertos e tres obradoiros que terán lugar en mosteiros, unha antiga fábrica de conservas, pazos, casas grandes e unha fortaleza medieval, entre outros escenarios.

Máis información descargas, imaxes, etc. en www.espazossonoros.org

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia