Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta explica á presidencia polaca da UE a súa posición cara ao futuro das axudas europeas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión de Cohesión Territorial organizada en Varsovia con motivo da presidencia polaca da Unión.

A reunión estivo centrada no debate sobre as propostas publicadas pola Comisión Europea sobre a futura Política de Cohesión despois de 2013. Nesta ocasión tomaron parte no debate diversas personalidades das Institucións europeas, entre as que podemos destacar ao representante da presidencia polaca da UE, ao relator no Parlamento Europeo sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional despois de 2013, Jan Olbrycht, ou ao representante da Comisión Europea, Rudolf Niessler.

Gamallo, explicou o traballo desenvolvido no marco da rede interrexional CROWC (Convergence Regions on the way to Cohesion) e que tivo como resultado unha proposta da Comisión Europea moi favorable para aquelas rexións que, como Galicia, terán un PIB por enriba do 75% da media comunitaria no novo marco financeiro que comeza en 2014.

O director fixo fincapé na necesidades de que a Cohesión sexa entendida por todos na súa vertente inversora e non só de gasto e se referiu ao novo obxectivo intermedio no que se situará Galicia, como “unha boa noticia que contribuirá a darlle estabilidade á política de Cohesión cara ao futuro”. Ademais, apostou tamén por primar a aquelas rexións onde se certifica un proceso de converxencia real, isto é o que se chama unha “rede de seguridade” para as que saen por vez primeira vez do obxectivo converxencia.

Logo do debate mantido con todos os relatores dos ditames do CdR sobre as propostas de regulamentos que rexerán a Política de Cohesión, quedaron de manifesto as dúbidas sobre a conveniencia de condicionar a percepción das axudas europeas por parte das rexións a que os Estados cumpran os requisitos do pacto de estabilidade orzamentaria. Para Gamallo “o debate sobre a condicionalidade non está suficientemente maduro no seo da UE. Quizais a palabra clave vai a ser a “flexibilidade” na súa aplicación si finalmente chega a aprobarse, o que non é moi probable”.

Á celebración desta reunión seguiralle un encontro dedicado á política de cohesión nas áreas rurais europeas despois de 2013. O obxectivo deste seminario será debater o futuro escenario que comeza en 2014 para que se teñan en conta as fortalezas, debilidades e oportunidades que ofertan as áreas rurais dun modo tal que estas poidan asegurar o éxito da estratexia Europa 2020. Este seminario forma parte do Congreso de Concellos rurais organizado pola presidencia polaca no que está previsto que participen unhas mil persoas.

Comisión COTER

A comisión de Cohesión Territorial (COTER), é unha das seis comisións de traballo do Comité das Rexións. As súas competencias son a elaboración de proxectos de ditame e resolucións centradas en materias relativas as políticas de cohesión territorial, económica e social: fondos estruturais, turismo, cooperación interrexional e transfronteiriza, ordenación do territorio, política urbana, transportes e redes transeuropeas de transporte.

Fotografía: archivo GD / Xunta de Galicia
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia