Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CGAC prepara a montaxe da exposición Jeff Wall: The cooked path

Nas vindeiras semanas o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) desenvolverá un amplo programa de actividades con proxectos que irán desde exposicións de gran formato, ciclos de curtametraxes, proxeccións de vídeos, concertos e conferencias. Entre todas elas destaca a mostra ‘Jeff Wall: The Crooked Path’ que obrigará o peche das salas de exhibición do recinto por mor da montaxe da exposición que estará aberta ao público desde o vindeiro sábado, 12 de novembro. A mostra ocupará todos os espazos expositivos do centro como o hall, baixa, dobre espazo, primeira e soto, e suporá a máis completa exposición sobre o artista canadense en España. Organizada xunto ao Bozar, Centre of Fine Arts, de Bruxelas e comisariada por Joel Benzakin a obra de Jeff Wall dialogará coa doutros artistas históricos como Eugène Atget, Diane Arbus, Weegee, Robert Frank, Dan Flavin, Robert Smithson e Frank Stella, e outros máis novos como Thomas Ruff, Luc Tuymans e Kai Althoff. As actividades relacionadas co artista canadense continuarán na segunda quincena de novembro, cunha nova cita do ciclo de concertos ‘Música e arte’ baixo o título ‘Jeff Wall: retrato sonoro’.

Por outra banda, o CGAC propón unha intensa actividade no relacionado co mundo audiovisual. Entre o 22 e o 29 de outubro terá lugar ciclo de curtametraxes experimentais do Festival Amal. No centro proxectaranse oito cintas onde se recollen algúns exemplos de cinema do Líbano, Palestina, Qatar, Exipto ou Alxeria como The last passenger premiada no último festival de Cannes. Ademais, desde este xoves o auditorio do centro acolle, a proxección das pezas de vídeo ‘Secret Strike Japan’ e ‘Secret Strike Inditex’, ambas as dúas obras da artista catalá Alicia Framis e pertencentes a colección CGAC. A última delas, de feito, foi producida ex profeso para a exposición monográfica que celebrou o centro no 2006. Na segunda quincena do mes de novembro terán lugar os ciclos de cine Escola de Berlín, ‘Andres Veiel’ e ‘Visións de Galicia’, integrados dentro do Festival Cineuropa.

No panorama musical, o día 2 de novembro, a banda franco italiana ‘L’Enfance Rouge’ actuará nun concerto en colaboración con Sinsalaudio, onde o noise rock e o avant rock serán os protagonistas. A agrupación, mítica na escena independente, leva máis de doce álbums editados e son citados por Thurson Moore dos Sonic Youth, como a mellor banda europea. Dentro do terreo máis académico e grazas á colaboración co Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, o catedrático de Estética e Teoría da Arte da Universidade de Salamanca, José Luis Molinuevo, pronunciará a conferencia ‘O corpo da imaxe’ o vindeiro xoves 3 de novembro.

Asimesmo, o CGAC abre á terraza do centro, un espazo pechado hai tempo ao público e que se poderá visitar en diferentes quendas cada media hora. Na terraza pódese ver, ademáis a peza recén restaurada, Triangular Pavillion (1997) de Dan Graham. Os interesados nestes visitas deben preguntar na recepción do museo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia