Aumenta un 5,44% o número de visitantes a Galicia durante o mes de setembro
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/peregrinos_compostela_2.jpg)
En detalle, considerando os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), acadáronse un total de 376.653 viaxeiros neste mes, correspondentes ao volume de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, á falta de coñecer aínda os datos procedentes dos establecementos extrahoteleiros (turismo rural, cámpings e apartamentos), co cal se verá incrementada a cifra xeral da oferta regrada no mes de setembro. Segundo os datos de Frontur, no mes de setembro Galicia rexistrou tamén a chegada de 544.826 excursionistas estranxeiros, un 22,25% máis que no mesmo mes do pasado ano.
Acumulado xaneiro-setembro
En total, a cifra de visitantes que chegaron a Galicia nos primeiros nove meses do ano acadou os 7.415.567, o que supón un 6,4% máis que en 2010 e un 15,3% máis que no mesmo período de 2009.
Máis concretamente, e segundo os datos provisionais que manexa Frontur, a comunidade galega rexistrou a 4.358.940 excursionistas estranxeiros, que supoñen un 22,8% de incremento con respecto a 2010 e un 29% con respecto a 2009.
No tocante á oferta de turismo regrado, contabilizáronse de xaneiro a setembro un total de 3.056.627 viaxeiros. Esta cifra corresponde ás máis de 2.700.000 persoas aloxadas en establecementos hoteleiros ata o mes de setembro e ás 355.842 aloxadas en establecementos extrahoteleiros ata o mes de agosto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia