Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra Un paseo ilustrado: debuxos de Pintor e Villán, na Biblioteca da Coruña

A Consellería de Cultura e Turismo inaugura o xoves 27 de outubro na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés a exposición Un paseo ilustrado: Debuxos de David Pintor e Óscar Villán. O acto contará coa presenza e intervención dos dous debuxantes, comezará ás 20,00 horas e se enmarca dentro da celebración do Día Internacional das Bibliotecas, celebrado o pasado 24 de outubro.

Os ilustradores Óscar Villán e David Pintor amósannos, nesta mostra conxunta, unha escolma dos seus últimos traballos no eido da ilustración, ben sexa en editoriais, revistas ou mostras itinerantes. Esta exposición permanecerá aberta ata o 28 de novembro de 2011 no horario de apertura ao público: de luns a venres, de 8,30 a 20,30 horas e sábados de 10,00 a 14,00 horas.

Óscar Villán (Valladolid, 1972) é ilustrador e fotógrafo, e está licenciado en Belas Artes (Especialidade Pintura) pola Universidade de Vigo. En 1999 recibiu o Premio ás Mellores Ilustracións Infantís e Xuvenís (Ministerio de Cultura) por O coelliño branco. En 2003 e en 2007 foi seleccionado para a Bienal de Ilustración de Bratislava. Asemade, recibiu o Premio ‘Un libro per l´Ambiente 2010 per la migliore coerenza grafica-testo’ polo El piccolo coniglio bianco.

David Pintor (A Coruña,1975) é ilustrador, humorista gráfico e caricaturista. Foi premiado por la Society of News Design (SND) polos seus traballos en La Voz de Galicia. Seleccionado en 2007, 2010 e 2011 para a mostra de ilustradores da Feira do libro de Bolonia. Seleccionado en 2009 e 2011 para a Bienal de Ilustración de Bratislava. Premiado co Grand Prix International na Bienal de cadernos de viaxe Clermont-Ferrand 2009. E seleccionado na lista White Ravens 2011 por Contos para nenos que dormen de seguida. Ademais, recibiu o Premio L´illustratore dell´anno 2011, convocado por Città del sole.

Usuarios máis destacados

Doutra banda, ás 19 horas, no Salón de Actos da Biblioteca entregaranse diferentes lotes de libros e material audiovisual aos usuarios máis destacados da Biblioteca. Entre os premiados destacan o usuario desde o mesmo día do seu nacemento, o usuario máis novo, o usuario de máis idade, e unha categoría especial de ‘superusuarios’ con 5 franxas de idade diferenciadas (0-6 anos, 7-11 anos, 12-14 anos, 14-25 anos e maior de 25 anos). Asemade, entregaráselle unha cesta de libros ao gañador do sorteo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia