Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A carteira de servizos de dependencia permitirá elaborar un "traxe a medida" para os usuarios no que se combinen distintos recursos

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, subliñou que a nova carteira de servizos para a atención á dependencia permitirá a optimización dos recursos dispoñibles, unha maior oferta de servizos para as persoas que os precisen e a diversificación dos mesmos, o que permitirá que cada usuario conte “cun traxe a medida” segundo as súas necesidades específicas, xa que poderá combinar os distintos servizos diferenciados a xeito de “menú flexible”.

En resposta a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento galego, Mato aclarou que “estamos ante un cambio no modelo de atención: do actual, que autoriza centros, a un novo, que non só autoriza centros, senón que acredita servizos” . Ademais, dótase aos recursos dunha nova perspectiva, posto que estes terán en conta a especificidade de cada tipo de dependencia para axustarse ás necesidades reais do usuario ou usuaria. Este feito traducirase no incremento da calidade da atención que se presta ás persoas con dependencia en Galicia.

A titular de Benestar explicou que o cambio esencial vén determinado pola acreditación de servizos, o que significa que un centro, ademais de seguir coa súa actividade como ata o de agora, poderá acreditar e poñer en marcha novos servizos, aproveitando ou ampliando as súas instalacións e medios. Por exemplo, unha residencia que ofrecía atención residencial seguirá con este labor, pero ademais poderá acreditar novos servizos diferenciados como pode ser a fisioterapia. Esta nova oferta de recursos acreditados poderá ser utilizada tanto polos usuarios actuais e habituais da instalación en concreto, como por outros demandantes potenciais e puntuais do contorno.

Outro dos aspectos esenciais da carteira de servizos é a máxima especificidade da atención a cada colectivo de persoas con dependencia. Esta nova carteira articula a oferta en torno a uns servizos comúns e uns servizos específicos. Os servizos comúns son a axuda no fogar, a teleasistencia e xeolocalización, a atención diúrna, residencial e nocturna e todos os servizos de promoción da dependencia e promoción da autonomía persoal.

Beatriz Mato incidiu en que a mellora que supón a creación dunha carteira de servizos específicos vai ser especialmente salientable para o colectivo de persoas dependentes con discapacidade, posto que por primeira vez se diferencia e adapta a oferta de atención segundo cada tipo de discapacidade. Isto é, unha persoa con enfermidade mental terá uns servizos específicos diferenciados dos que terá unha persoa con discapacidade física.

Romper a barreira da idade

Outro aspecto moi importante desta nova carteira é que deixa atrás certos obstáculos administrativos que levaban a que se producisen baleiros de atención. Así, romperase a barreira de idade, que impedía que as persoas menores de 65 anos -ou de 60 nalgúns casos- e sen discapacidade, puidesen recibir un servizo residencial.

Ademais, a responsable do departamento afirmou que a carteira conleva un salto cualitativo porque pásase de regular os requisitos dun centro en xeral, a establecer os parámetros mínimos esixidos para a acreditación dun determinado servizo específico dentro desta instalación, o que supón homoxeneizar os criterios e a calidade da atención a nivel da comunidade autónoma.

Doutra banda, Mato lembrou que na elaboración desta carteira houbo dous eixos fundamentais: un estudo en profundidade da situación actual da tipoloxía da oferta e da tipoloxía da demanda de servizos; e a realización de máis de 600 enquisas a estas persoas, ás que despois se sumaron entrevistas con persoal dos departamentos da área social e de persoas especializadas dos distintos sectores implicados.

Actualmente, a Consellería xa está traballando no decreto que desenvolverá esta carteira de servizos, e que estará listo no primeiro trimestre de 2012, adiantou a titular do departamento autonómico. Tamén está xa en elaboración a orde na que se plasmarán os requisitos de acreditación, e que estará lista tamén para esa mesma data.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia