Aloe Blacc e Bettye Lavette despiden o Galicia Importa 2011 con dous concertos
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/aloe_blacc_2.jpg)
As entradas para asistir a estas actuacións poden adquirirse través das canles habituais do ciclo: a páxina web www.servinova.com, o teléfono 902 43 44 43 ou das tendas Discos Elepé en Vigo, Discos Gong en Santiago e Discos Portobello en A Coruña.
Aloe Blacc, a nova gran promesa do soul, actuará o domingo na Sala Capitol de Santiago a partir das 21,00 horas. Este mozo californiano, ao que moitos sinalan como herdeiro de Marvin Gaye, interpretará os temas do seu último disco, titulado Good Things e que o converteu na gran revelación do soul actual.
Despois de pasar polo dúo hip hop Emanom, o norteamericano Egbert Nathaniel Dawkins III converteuse baixo o alias de Aloe Blacc nun dos máis distinguidos representantes da nova corrente de revivalismo do soul.
Dúas xornadas máis tarde, o 8 de novembro, o Teatro Rosalía de Castro de A Coruña acollerá ás 21,00 horas o concerto da cantante Bettye Lavette, recoñecida como unha das grandes voces do soul. Compañeira de xeración de Aretha Franklin ou de Diana Ross, nos últimos anos estivo presente nos festivais máis prestixiosos de jazz, blues ou soul, ademais dos seus shows en recintos emblemáticos como o Apollo de Nova York ou o Royal Albert Hall de Londres.
Nada en Michigan no ano 1946, foi descuberta con quince anos por Johnnie Matthews, pioneira e descubridora de ilustres como The Temptations, The Supremes o Wilson Pickett. O seu debut foi aos 16 anos e, dende entón, colleitou numerosos éxitos ao longo de catro décadas de traxectoria. O seu último disco, que leva por nome Interpretations: the british rock songbook, é unha viaxe a través de composicións dos Beatles, Rolling Stones, Led Zeppelin ou Pink Floid.
Na mesma liña que na pasada edición, o ciclo Galicia Importa continua apostando por un prezo notablemente máis baixo na venta de localidades que os concertos dos mesmos artistas noutras cidades da Península, para facilitar así que a música en vivo chegue aos milleiros de seguidores cos que conta en Galicia. Nesta edición 2011 xa puidemos gozar da música de Pete Doherty e Adam Cohen en Santiago; de Jay Jay Johanson na Coruña; do estadounidense M. Ward e o británico Patrick Wolf en Vigo, e do americano Bonnie ‘Prince’ Billy na cidade herculina.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia