Thomas Hampson, no ciclo Grandes Voces do programa Xacobeo Classics
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/galicia_classics_pres.jpg)
Na súa intervención, o conselleiro destacou a calidade de Hampson e definiuno como “un dos mellores e máis recoñecidos barítonos da actualidade”, ademais de estar considerado como “o mellor intérprete dos lieder de Gustav Mahler, algo que ten demostrado tanto en directo como nos traballos de estudio”.
Roberto Varela amosou a súa satisfacción con este evento xa que “é un privilexio poder ter por primeira vez en Galicia a Thomas Hampson interpretando a Mahler, precisamente no ano no que se conmemora o centenario do falecemento do compositor, xenial e influente como poucos dentro da historia da música”. O responsable de Cultura subliñou o talento do barítono estadounidense que, ademais, “ten amosado un grande interese pola innovación, a investigación, a ensinanza e a difusión da música, especialmente a través da súa Fundación, a Hampsong Foundation, que traballa dende 2003 para pór en valor o potencial da música como fonte de entendemento entre culturas”.
O conselleiro resaltou a calidade do ciclo que da continuidade ao Xacobeo Classics no Ano da Música de Galicia e que ofrece unha nova oportunidade de ver en directo a “algúns dos meirandes intérpretes, directores e formacións do mundo”. Neste sentido, Varela lembrou os últimos concertos de grandes nomes como John Eliot Gardiner e o Monteverdi Choir ou Esa Pekka Salonen e a Philharmonia de Londres, e recordou outros anteriores como os de Daniel Barenboim e a Staatskapelle Berlín, Georges Prêtre e a Filarmónica de La Scala, Mischa Maisky, Elina Garança ou Gregory Kunde.
Recoñecemento mundial
O lendario barítono norteamericano Thomas Hampson constitúe unha das máis importantes figuras da lírica nas últimas tres décadas. Thomas Hampson presenta unha singular traxectoria internacional como cantante de recitais e de ópera e gravou unha chea de discos, ademais de manter un interese activo no ensino, a investigación e a tecnoloxía. Este barítono actuou nas salas de concerto e nas óperas máis importantes do mundo canda moitos cantantes, pianistas, directores de orquestras de sona. Gabado por The New York Times pola súa “insaciable curiosidade” é un dos solistas máis respectados, innovadores e cobizados da escena actual.
Hampson goza dun gran recoñecemento a nivel mundial grazas aos seus creativos programas, documentados polo miúdo, que exploran o sofisticado repertorio da canciónnun amplo abano de estilos, idiomas e períodos. É un dos intérpretes máis importantes do repertorio romántico alemán, e co seu aclamado proxecto ‘Song of America’ en colaboración coa Library of Congress, converteuse no ‘embaixador’ da canción estadounidense. A través da Hampsong Foundation, fundada en 2003, emprega a arte da canción para fomentar o diálogo e o entendemento entre culturas.
A temporada 2010-2011 de Hampson estivo dominada por representacións con motivo do 150 aniversario do nacemento de Gustav Mahler e o centenario da súa morte. Recoñecido como o intérprete actual máis destacado das cancións do compositor austríaco, o barítono iniciou as celebracións a nivel mundial en Kalitse, República Checa, cun recital desde a casa na que naceu o compositor, así como un concerto orquestral televisado a nivel internacional. Durante esta temporada interpretou a Mahler con orquestras como a Filharmónica de Viena, a Filharmónica de Nova York, a Sinfonieorchester des Norddeutschen Rundfunks, a Gustav Malher Youth Orchestra e a Filharmónica Checa con directores de orquestra da talla de Alan Gilbert, Maris Jansons, Philippe Jordan e Antonio Pappano. Así mesmo Hampson onterpretou cancións do compositor en recitais en Múnic, París, Ámsterdam, Bruxelas, Zúric, Milan e Oslo, e presentou a integral do compositor como ‘Mahler Artist-in-Residence’ na Elbphilarmonie de Hamburgo. O seu novo álbum, Des Knaben Wunderhorn, canda os Wiener Virtuosen –un conxunto sen director formado polos principais músicos da Filharmonía de Viena- obtivo un grande éxito. Nesta ocasión e acompañado do pianista Wolfram Rieger, Hampson interpretará varios dos lieder contidos no seu último disco para a prestixiosa firma Deutsche Grammophon. Será o primeiro concerto en Galicia de Hampson, quen ademais ofrecerá unha master class aos cantantes galegos Alba López, Nuria Lorenzo, e Eliseu Mera.
Hampson criouse en Spokane, Washington,e foi galardoado cunha morea de honores e premios pola súa gran mestría na artee o seu liderado cultural. Coa súa discografía que inclúe máis de 150 álbums, gañou un Premio Grammy, dous Premios Edison e o Grand Prix du Disque. É doutor honoris causa pola Manhattan School of Music, o Wirtworth Coleege (WA) e o San Francisco Conservatory e é membro honorífico da Royal Academy of Music de Londres. Na temporada 2009 – 2010 foi o primeiro artista permanente da Filharmonía de Nova York e en 2011 outorgáronlle o Premio Concertgebouw. Posúe os títulos Kammersänger da Ópera Estatal de Viena o de Chevalier de lÓrdre des Arts e des Lettres de Francia e, en 2004 concedéronlle a Medalla de Honor das Artes e das Ciencias Austríaca. é o gañador do Distinguished Artistic Leadership Award en 2009 do Atlantic Council de Washingnon D.C., en 2008 foi nomeado Asesor Especial para o Estudo e a Interpretación da música nos Estados Unidos polo Dr. James H. Billington, bibliotecario do Congreso estadounidense. En 2010, Hampson foi elixido membro da American Academy Of Arts and Sciences.
Próximos eventos do Galicia Classics na Coruña
Tras a actuación de Thomas Hampson, o Teatro Colón acollerá de novo un gran espectáculo o vindeiro 4 de decembro. Nesta cita, a sala herculina recibirá ao número un dos contratenores da actualidade, Philippe Jaroussky. O cantante francés chegará a Galicia xunto á Orquestra Barroca de Friburgo para interpretar un programa con algunhas das máis coñecidas arias de óperas de Georg Friedrich Händel. Philippe Jaroussky completará a súa xira española cun concerto no Teatro Real de Madrid poucos días máis tarde. As entradas para estas dúas agardadas citas do ciclo de ‘Grandes Voces’ do Galicia Classics xa están á venta a través do servizo de localidades de Novacaixagalicia. Polo Galicia Classics tamén pasarán este outono primeiras figuras e agrupacións da música internacional como o Cuarteto Emerson, que actuará en Santiago, ou os pianistas Andreas Haefliger e Jorge Luis Prats.
Ademais, o vindeiro 27 de decembro no mesmo escenario, a agrupación xuvenil Cantábile, que o ano pasado interveu na ópera ‘Parsifal’ do Xacobeo Classics, abordará a súa primeira produción dunha ópera, a obra mestra de Henry Purcell ‘Dido e Eneas’, que no seu día se estreou nun colexio. O tenor Pablo Carballido, responsable da laureada agrupación coral coruñesa, seleccionou as voces para esta aproximación á ópera barroca, realizada con elementos integramente galegos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia