Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra Cámara Barroca exhíbese no Museo de Belas Artes da Coruña

A Consellería de Cultura e Turismo abre no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición fotográfica Cámara Barroca, unha recompilación fotográfica do barroco galego a través da visión contemporánea de Vari Caramés, José Caruncho, Xurxo Lobato, Tino Martínez, Eduardo Ochoa e Xoán Piñón. A exposición esta composta por 60 fotografías nas que os autores establecen un diálogo co barroco e interpretan a súa arquitectura e escultura sen esquecer a paisaxe na que se inscriben moitas das arquitecturas.

A mostra inaugúrase no Museo de Belas Artes o xoves, 10 de novembro, ás 20,00 horas e poderá visitarse ata o 26 de febreiro. Comisariado por Fernando Agrasar e Xosé M. Buxan o proxecto é o resultado de xuntar a un grupo de artistas fotógrafos e proporlles o reto de facer unha interpretación global do barroco galego, sen outra limitación que a da natureza do soporte e da ferramenta de comunicación. O obxectivo principal é promover o coñecemento e a difusión do barroco como un dos sinais identitarios máis relevantes da cultura galega, a través dunha proposta artística actual como é a imaxe.

A Consellería de Cultura e Turismo promove esta visión persoal e libre do barroco galego, dentro da súa labor de protección, conservación e difusión do noso patrimonio. As tres condicións fundamentais para a creación das composicións de Cámara Barroca foron: manter o protagonismo das obras fotográficas expostas; achegar elementos de interese ás intencións xerais da proposta; e, subliñar a contemporaneidade da reflexión creativa, a través do vínculo co espírito do barroco.

O reflexo é o motivo central do deseño de Cámara Barroca. As visións devoltas polas superficies pulidas e brillantes trazan unha complexa liña de conexión dende o barroco ata a modernidade: do rostro da Venus velazqueña, pasando pola Rúa do Gato valleinclanesca, ata o vidro e o aceiro cromado das obras de Mies van der Rohe. Cada unha das pezas preséntase na exposición montada sobre unha superficie de aceiro inoxidable pulido de 1000 × 1000 milímetros, co bordo cortado con láser, sobre un bastidor oculto de aluminio que o separa da parede. O material, co seu carácter ingrávido e abstracto, alberga unha imaxe que explora a esencia do Barroco Galego, enmarcándoa co reflexo do que sucede ao seu redor: o propio observador, o espazo da sala...

Aínda que a mostra está composta por 60 instantáneas, o traballo destes autores está recollido nun catálogo que presenta un total de 120 fotografías. O comisario Xosé M. Buxán presenta no catálogo a súa crítica artística das obras feitas polos fotógrafos baixo os seguintes títulos: Vari Caramés: Xentes e arquitecturas; Unha fantasía barroca a partir de José Caruncho; Xurxo Lobato ou a representación de prodixios incríbeis; As negras sombras de Tino Martínez; A luz e o ceo de Eduardo Ochoa e As luces máxicas e diamantinas de Xoán Piñón.

Seis visións artísticas do barroco galego

O obxectivo principal da mostra e poñer en valor o patrimonio cultural galego e difundilo para o seu coñecemento. Con esta orientación, Vari Cramés (Ferrol, 1953) presenta nas súas barrocotipias unha serie de imaxes nas que reflexiona sobre a interrelación entre a arquitectura fotografada e os seus moradores. O autor, que vive e traballa na Coruña, entende a fotografía como un diario íntimo e defende a súa capacidade para suxerir e evocar, máis que o seu valor testemuñal. As súas obras forman parte das coleccións de diferentes museos e institucións, entre eles o Centro de Arte Reina Sofia, CGAC, a Fundación Fotocalectania, MACUF e a Colección CaixaNova.

José Caruncho (A Coruña, 1953) xoga coa fantasía barroca que permiten as duplicidades e as simetrías. A súa admiración pola fotografía e a súa afición pola música clásica reflíctese no seu traballo impregnado de clasicismo e fonda contención expresiva, sendo as obras artísticas e a paisaxe os temas habituais das súas instantáneas. Algunhas das súas últimas exposicións individuais son Rochas do tempo (1996); Muros Alma Mareira que estivo exposta no Concello de Muros (2002), nas sedes do Instituto Europeo de Diseño de Madrid, Barcelona e Milán no 2003 e en VERVE, Gallery of. Fotography, Santa Fe, EEUU no 2007 e Olladas de Silencio presentada na Casa da Parra no 2009 en Santiago de Compostela.

Para Xurxo Lobato (A Coruña, 1956) a fascinación do barroco atópase na realidade-irrealidade das tallas hiperrealistas. Este profesional do fotoperiodismo e fotodocumentalismo foi redactor xefe de fotografía de La Voz de Galicia e actualmente mantén a súa colaboración co diario El País. Dirixiu cursos sobre fotografía para a Universidad Interancional Menéndez Pelayo e a USC, publicando ata a data máis de 40 libros. É académico da Real Academia Galega de Belas Artes da Coruña, patrono da Fundación Castelao, director do festival de Fotografía Olladas e coordinador do premio Luís Ksado da Deputación da Coruña. A súas obras figuran en numerosas colección públicas, entre elas: o Centro de Arte Reina Sofia, colección Cuallado no IVAM, no MACUF, na Deputación da Coruña, na Colección Coca Cola e no Concello de Vigo.

Tino Martínez (Santiago, 1943) recrea o barroco compostelán a partir do detalle, das sombras e dos perfís pétreos. O compostelán desenvolve o seu traballo profesional e creativo sobre a capacidade testimonial da fotografía. A atención sobre a superficie e a súa cualidade, xa sexa pel o pedra, permite ver na súas fotografías máis ala do evidente. O patrimonio de Galicia é un dos seus temas máis frecuentes. Asemade, numerosas publicacións e exposicións deste autor están protagonizadas por obras artísticas.

A luz e o ceo sérvenlle a Eduardo Ochoa (Tarragona, 1952) para presentar o barroco desde unha ollada esteticista e abstracta. O traballos deste artista ofrecen unha clara vocación plástica, prestando especial atención aos aspectos compositivos. Entre as variadas temáticas abordadas na súa obra son frecuentes os motivos arquitectónicos e xeométricos. Realizou investigación valiosas para a historia da fotografía en Galicia, especialmente na cidade de Lugo. É autor do texto “161 anos de fotografía en Lugo”, publicado como catálogo da exposición Memorial visual de Lugo. Foi o director das cinco Mostras Fotográficas desta cidade. As súas principais exposicións individuais son: Deriva (1999), Mirada (2002), Arborescencias (2005), Inminencias (2007) e Diáspora (2007).

Na súa secuencia, Xoán Piñón (A Coruña, 1951) propón unha lectura da luz e o seu simbolismo no diálogo co patrimonio relixioso. Despois de licenciarse en medicina e tras cinco anos de exercicio, este coruñés cambiou de actividade e iniciou a súa carreira profesional como fotógrafo. A serie Iluminados (1977-1985), abriulle as portas da fotografía profesional. A súa actividade é intensa e variada, alternando a súas coleccións de autor con traballos en moda, cine e publicidade. En 1995 recibe o Premio Lux prata de moda. É confundador dos colectivos “Novos fotógrafos Coruñeses”, “Canbranco” e coorganizador da primiera “Fotobienal” de Vigo. Algunhas das súas exposicións son: Iluminados (1983); Inmateriais (1988); Galicia nai (1993); Pigmentos Autorizados (1996); Momentos de Cine (1997); A paisaxe humana (2004); Unha marea de amor (2008) e A Coruña. A cidade na arte (2009).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia