500 expertos, no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito 2011
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/bibliotecasescolarestransit.jpg)
Neste marco, o conselleiro amosou a súa satisfacción pola oportunidade que supón para Galicia acoller este evento, “sobre un servizo educativo 2 educador que nos é especialmente querido e que se desenvolve de forma moi positiva nos centros escolares de Galicia”. Non en balde, recordou Vázquez Abad, “oito foron os colexios e institutos galegos galardoados na última edición do Concurso Nacional de boas prácticas en xestión e dinamización de bibliotecas escolares”.
Neste sentido o conselleiro de Educación destacou o labor docente, xa que “este auxe das bibliotecas escolares débese, sen ningunha dúbida, ao esforzo constante dos profesionais da educación, quen, de forma individual e colectiva, se involucran na xestión das mesmas en base a un compromiso que vai moito máis aló da docencia das materias en que son especialistas cada un”. “Son, en definitiva, o seu motor, o seu corazón, os esforzados docentes que aman o coñecemento e a súa transmisión, amantes dos libros, que desexan que os seus alumnos se convertan en lectores competentes, en usuarios eficientes e críticos das distintas fontes de información”, engadiu.
Desta forma o conselleiro apostou por seguir a traballar nas bibliotecas escolares, de xeito especial no que atinxe ás novas oportunidades abertas pola web 2.0. “As bibliotecas -dixo- deben adaptarse e adiantarse aos cambios que xa se están producindo no mundo da información e da comunicación, no mundo da transmisión de saberes, se queren ser útiles ao alumnado ao que deben contribuír a formar”.
A este acto asistiron o delegado de Goberno en Galicia, Jose Manuel Pose Mesura; o alcalde d eSantaigo, Gerardo Conde Roa; o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Consellería de Cultura, Francisco López.
Ademais, e co gallo deste evento, estiveron presentes a directora general de Evaluación y Cooperación Territorial do Ministerio, Rosa Peñalver; os consejeros de Educación de Murcia e Castela e León, Constantino Sotaca e Juan José Mateos; e representantes dos departamentos encargados da xestión das bibliotecas escolares nos departamentos educativos de Andalucía, Castela-A Mancha, Illes Balears e Madrid.
Obxectivos
O obxectivo deste congreso, organizado polo departamento educativo da Xunta de Galicia coa colaboración do Ministerio do ramo, é actualizar o coñecemento sobre as funcións da biblioteca escolar no panorama educativo actual, revisar os aspectos máis importantes relacionados coa lectura e o acceso á información no contexto educativo, á luz das últimas investigacións e en relación coas necesidades máis acuciantes, e reflexionar sobre o papel das Administracións educativas no impulso de prácticas de excelencia necesarias para a mellora de resultados obtidos coas iniciativas desenvolvidas nestes espazos.
A participación de expertos de diferentes Comunidades Autónomas permite ademais propiciar o intercambio entre as mesmas, abrindo a posibilidade de cooperación no presente e no futuro, ao tempo que se difunden experiencias de interese que se están a levar a cabo en centros educativos en clave de innovación educativa e consecución de resultados e se propicia a reflexión e o intercambio de ideas para o desempeño de estratexias de solución a problemas existentes nestes ámbitos.
O congreso está destinado ao profesorado dos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, responsables e coordinadores das bibliotecas escolares ou integrantes dos equipos de bibliotecas destes centros, membros de equipos directivos e dos servizos de Inspección. Ademais asisten responsables das Administracións educativas de todas as Comunidades Autónomas con participación no deseño, xestión e desenvolvemento de programas de bibliotecas escolares; e asesores de formación no ámbito das bibliotecas escolares e a lectura, así como expertos en materia de lectura e bibliotecas escolares de distintas universidades e institucións.
Xornada inaugural
O congreso comezou, tras o discurso do conselleiro, coa conferencia inaugural ‘La biblioteca escolar se transforma en espacio de aprendizaje. Claves, recorridos y desafíos’, a cargo da coordinadora de Bibliotecas Escolares do ministerio de Educación de Chile, Constanza Mekis.
Para completar o programa da primeira xornada celebraranse mesas de debate simultáneas sobre a utilidade da biblioteca escolar no século XXI, os servizos de apoio a estes espazos – espazos web, redes, formación, materiais..., e sobre as boas prácticas postas en marcha á hora de implementar o modelo de biblioteca escolar como centro de recursos da aprendizaxe
Nestes debates participan asesores de bibliotecas e membros de centros educativos de Galicia, Navarra, Estremadura, Andalucía, A Rioxa e Castela- A Mancha.O intercambio de experiencias entre expertos continuará nas xornadas de venres e sábado, cando se incorporarán tamén profesionais de Cataluña, Murcia, Melilla, Asturias e Aragón.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, conxuntamente co Ministerio, organiza este encontro no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), que agrupa todas as iniciativas da consellería en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura como medio de potenciar o éxito escolar. Pódese consultar máis información sobre o congreso no enderezo web http://www.bibliotecasescolaresentransito.com .
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia