O Consello da Cultura Galega promove unha xornada de análise sobre o Prestige

De feito, as persoas participantes nesta xornada científica son algúns dos autores dos distintos capítulos do libro. Deles, cinco pertencen ás Universidades galegas -Federico Vilas Martín, Elsa Vázquez, Albino Prada, María X. Vázquez e Victoriano Urgorri-, dous ao Instituto de Investigacións Mariñas do CISC de Vigo -Juan José González e Juan Bellas Bereijo-, outros dous ao CSIC -Beatriz Morales-Nin e Fiz Fernández Pérez-, e un á Universidade do País Vasco, Ionan Marigomez Allende.
No libro recompílase a relación, o máis completa posible, dos diferentes proxectos de investigación realizados sobre a marea negra do Prestige. Cada investigador dará así conta de diversos estudos, comezando por unha avaliación xeral da implicación da comunidade científica galega na marea negra do Prestige, que van dende a problemática asociada ao pecio ou a aplicación da oceanografía operacional aos derramos de hidrocarburos ao impacto socioeconómico da vertedura e as súas consecuencias sobre os sistemas biolóxicos.
A xornada ‘Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-08). Avaliación e xuízo crítico’ inaugurarase ás 10.30 horas nun acto no que interveñen a decana da facultade, Luz González Caamaño, e os científicos da USC Francisco Díaz-Fierros e Victoriano Urgorri. A clausura, prevista para as 19.00 horas, contará ademais coa participación do reitor da USC, Juan Casares Long, e do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)