Brevidade na metafísica e cultura popular, no Laboratorio de pensamento breve
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/arquitectura_musica.jpg)
O relatorio “A lentitude fulminante. De Lao Zi a Nietzsche” abriu o Laboratorio da man de Ignacio Castro Rey, doutor en filosofía, ensaísta, crítico e profesor. O sábado 26 de novembro ás 12:00 horas será a quenda de Joxerra Garzía e as súas “Pílulas de sabedoría popular: do refrán ao tweet”. Como nas anteriores sesións, o relatorio virá seguido dun coloquio aberto a todos os asistentes e un obradoiro onde se explorará a potencia dos formatos breves como ferramenta para a transmisión de saberes e no que se exercitarán as destrezas na elaboración de aforismos. Todos eles poden consultarse na web www.cidadedacultura.org e en www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia, xunto coas aportacións feitas polo público xeral a través das redes sociais. As prazas para participar nesta actividade xa están cubertas.
Diarios Sonoros
A Cidade da Cultura de Galicia convértese nun “instrumento musical” a través dunha intervención sonora e visual coa que explorar a relación entre arquitectura e música. Esta é a proposta da segunda sesión do ciclo ‘Diarios Sonoros’, que se celebrará mañá sábado a partir das 12:00 horas.
Creada ex profeso para este espazo, a sesión “Arquitectura e Música” contará cunha intervención sonora e visual na que os intérpretes empregarán elementos pouco frecuentes na música como pranchas de metal ou pelotas de tenis de mesa e valeranse de elementos arquitectónicos como columnas ou baldosas, para compoñer unha obra musical única, onde os artistas utilizan o edificio da Biblioteca de Galicia como emisor e receptor dos sons. A instalación audiovisual, pola súa banda, destacará elementos significativos da arquitectura de Peter Eisenman e do urbanismo compostelán por medio da xeración de imaxes e “ruídos” destes lugares.
Previamente á intervención artística hai unha charla na que os artistas convidados e responsables da intervención como a catedrática de música na Universidade de Santiago de Compostela e directora do Grupo de Creación Musical da USC, Inmaculada Cárdenas, a arquitecta, Cristina Palmese, e o ecólogo e compositor, José Luis Carles, contextualizarán as relacións entre a arquitectura e música, entre o espazo e o son.
A asistencia á sesión “Arquitectura e Música” é de balde mais é preciso reservar previamente en www.cidadedacultura.org. Ademais, ao finalizar a sesión, o artista Pablo Giráldez “O Pastor” retratará cunha cámara antiga o público que o desexe xunto cos artistas convidados nun espazo escénico creado para a ocasión. As fotografías serán subidas a www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia, onde os interesados poderán descargalas gratuitamente.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia