Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O libro-disco de César Morán, "Haberá Primavera", homenaxea a Cunqueiro no seu centenario

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou na Casa Galega da Cultura de Vigo na presentación do libro-disco sobre Álvaro Cunqueiro titulado Haberá Primavera. Catorce poemas, catorce cancións, unha obra do cantautor Cesar Morán editada por Galaxia. O acto contou ademais coa intervención do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e do autor César Morán, quen interpretou en directo algúns dos temas incluídos no libro en CD xunto a Alfonso Morán (contrabaixo) e Roberto Somoza (saxo).

Francisco López cualificou a obra como “un agasallo par os sentidos, un prodixio de harmonías entre a palabra escrita”, e destacou “o deseño editorial, a musicalización exquisita e o labor instrumental impresionante, que arroupa nas gravacións a voz invitada de Uxía Pedreira e a de César Morán”. Segundo o director xeral esta é “unha das máis importantes propostas editoriais con motivo do centenario de Álvaro Cunqueiro, unha iniciativa máis que se suma aos múltiples congresos, exposicións, conferencias, faladoiros, representacións escénicas e musicais que se viron realizando ao longo deste 2011 co propósito de recordar e homenaxear ao escritor monfortino”.

Francisco López explicou que dende a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos colaborarase unha vez máis coas entidades e institucións vencelladas a Cunqueiro e a súa obra e, neste sentido, comprometeuse a difundir entre as bibliotecas galegas o libro Haberá Primavera. Catorce poemas, catorce cancións.

Libro-CD

Neste ano 2011, e coincidindo co centenario do nacemento do poeta Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia edita un libro de poemas do autor de Mondoñedo, acompañado de dous CDs. O primeiro CD está composto por unha serie de poemas musicados por César Morán, e o outro CD contén a gravación da derradeira conversa concedida por Cunqueiro, precisamente a César Morán, días antes de morrer. Este é un libro-disco que contén unha excelente proposta musical e o acompaña un documento histórico de primeira orde.

César Morán rodeouse de músicos de primeiro nivel (entre os que destaca a voz de Uxía Senlle) para ofrecernos un excelente e elegante traballo que vai namorar aos seguidores de Cunqueiro pero tamén aos amantes da música. Este disco contén composición musicais onde o autor de Mondoñedo está agarimado pola guitarra, a frauta traveseira, o saxo alto, o contrabaixo e a percusión da banda de César Morán, quen presta a súa voz sintonizando á perfección coa lírica contida dos versos de Cunqueiro.

Este é un proxecto innovador que nos presenta a Cunqueiro doutra maneira, unindo literatura, música e un documento sonoro de innegable valor histórico e literario, como é esa derradeira conversa co escritor de Mondoñedo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia