O Goberno galego apoia a oferta de Feiraco sobre Clesa

O director do Igape, Javier Aguilera, desprazouse a Madrid para reiterar ante os administradores o respaldo da Xunta á oferta liderada por Feiraco. Durante o encontro analizáronse e traballáronse aspectos técnicos da proposta e defendeuse a súa solvencia desde o punto de vista técnico, económico e de emprego. Manifestouse na reunión que a oferta de Feiraco, ademais de ter o respaldo da Xunta, conta coa confianza dos traballadores de Clesa como unha proposta seria e viable que aposta de maneira firme polo mantemento do tecido laboral, industrial e social da comarca.
O Goberno galego está levando a cabo un importante esforzo no seu compromiso de busca de solucións que garantan o futuro da planta de Clesa en Caldas e sobre todo, dos seus postos de traballo. Tanto a Xunta como Feiraco e máis os traballadores agardan que a administración concursal tome unha decisión no menor prazo de tempo posible facendo realidade a continuidade da planta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia