Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Macrorrexión RESOE amplía a súa base xeográfica de Burdeos a Coimbra

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Zaragoza nunha reunión de cooperación interrexional da Macrorrexión de Rexións do Sudoeste de Europa (RESOE), na que se sentaron as bases para estender esta fórmula de cooperación interrexional a outras rexións europeas, dando lugar a unha macrorrexión ampliada, de Burdeos a Coímbra.

Na xuntanza, que estivo presidida polo conselleiro de Presidencia aragonés, Roberto Bermúdez de Castro, tamén participaron representantes das rexións portuguesas do Centro e o Norte, das Comunidades Autónomas españolas de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e La Rioja e da Rexión francesa de Aquitania.

Entre outras cuestións, os participantes acordaron sumar esforzos para contribuír ao impulso da competitividade e á dinamización do crecemento económico e o emprego, no marco da Estratexia UE 2020, que persegue un crecemento intelixente, sostible e integrador. Así mesmo, as rexións que se deron cita en Aragón tamén conviñeron a necesidade de aumentar a súa integración, cohesión e conectividade, entre si e co resto de Europa.

Neste sentido, o encargado das Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, destacou que o proxecto de consolidar unha Macrorrexión no Suroeste de Europa ten un carácter “flexible, aberto e construtivo” e que o da Cohesión Territorial “é un tren que Galicia non pode perder”.

Durante a reunión, tamén se analizaron respostas compartidas e novas fórmulas de cooperación perante os grandes desafíos de dimensión territorial que ten plantexados na actualidade a Unión Europea. É o caso do futuro da política de cohesión, con especial referencia ao novo marco financeiro 2014-2020; pero tamén doutras iniciativas adoptadas pola Unión Europea, como a Estratexia Integrada Atlántica, o Instrumento de Interconexión para Europa (Connecting Europe Facility), o Programa de Cooperación Territorial do Espacio Sudoeste Europeo (SUDOE) ou as Redes Transeuropeas de Transporte.

Estes novos ámbitos de cooperación, todos eles ámbitos de referencia para a cooperación interrexional, serán abordados segundo un modelo flexible, de xeito que as rexións poderán incorporarse ou subscribir aqueles proxectos e iniciativas que desexen.

Ademais, os participantes na reunión expresaron o seu convencemento de que a resposta a estes desafíos compartidos non poden provir exclusivamente das administracións rexionais, senón que é necesario que se sume noutros niveis da administración e a sociedade civil, a través dosa xentes sociais, as universidade se os grupos de investigación, tal e como se vén facendo nos actuais grupos de traballo creados por Galicia, Castilla y León e a Rexión Norte de Portugal.

A Macrorrexión RESOE

A Macrorrexión RESOE é unha iniciativa “bottom up”, de “abaixo arriba”, que non vén impulsada directamente pola UE ou polos Estados, senón que corresponde á vontade de tres rexións -Galicia, Castilla y León e o Norte de Portugal- que desexan encarar as novas perspectivas financeiras da UE de xeito máis eficaz. De feito, en datas próximas terá lugar unha reunión cos responsables de cooperación territorial da Comisión Europea, para explicarlles os resultados dos traballos levados a cabo.

A Macrorrexión RESOE comezou os seus traballos o pasado 17 de setembro de 2010, coa sinatura en Valladolid dun ‘Memorando de Entendemento’ por parte dos presidentes da Xunta de Galicia, da Junta de Castilla y León e da Rexión Norte de Portugal.

A constitución dunha Macrorrexión é unha iniciativa de cooperación interrexional que vén enmarcada pola Estratexia UE 2020 da Comisión Europea, de investimento en innovación, economía do coñecemento e construción dun novo modelo económico.

Dadas estas premisas, a Comunidade Autónoma de Galicia, coa colaboración do Norte de Portugal e Castela e León involucrouse, hai xa un ano, na constitución da Macrorrexión RESOE co obxectivo de anticiparse ao escenario financeiro que se abre en 2014, con fórmulas de cooperación máis eficientes, cunha mellor coordinación das institucións e os recursos existentes.

Desde o inicio, a “Macrorrexión” pretendeu constituírse como un espazo funcional onde, despois de identificar intereses compartidos, se poidan atopar solucións conxuntas a problemas comúns. Búscase racionalizar a aplicación das políticas comunitarias a tódolos niveis e incrementar o nivel de eficacia da cooperación territorial.

Neste primeiro ano de traballo, que coordinou Galicia, procedeuse a constitución dos Grupos de Traballo, deuse a coñecer a iniciativa ante as institucións comunitarias, iniciáronse os primeiros proxectos concretos de cooperación e consolidouse a suficiente masa crítica para asentar as bases da ampliación, proceso que conclúe hoxe en Zaragoza.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia