Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Conselleira de Facenda vende Galicia en Madrid a investidores

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, explicou en Madrid a investidores as principais vantaxes comparativas de Galicia, no marco da xornada Comunidades Autónomas: Perspectivas económicas y financieras, organizada por Ahorro Corporación.

Elena Muñoz Fonteriz, acompañada do director xeral de Política Financeira e Tesouro, Manuel Galdo, expuxo que é esencial garantir a sostibilidade financeira das administración públicas ao longo do ciclo económica e lembrou que Galicia xa foi pioneira en España ao aprobar o pasado mes de xuño unha lei de disciplina orzamentaria e sostibilidade financeira, así como en fixar un teito de gasto non financeiro con carácter previo á elaboración e aprobación do orzamento no marco duns escenarios plurianuais. Así, salientou que nesta lei Galicia fixa regras anticíclicas que permiten crear unha marxe de manobra para a estabilización financeira, ademais de protexerse dunha evolución orzamentaria imprevista.

Muñoz Fonteriz tamén subliñou que Galicia é unha das dúas únicas comunidades autónomas que cumpriu o obxectivo de estabilidade orzamentaria en 2009 e 2010 e que a súa evolución económica é mellor que a media española nos cinco últimos anos. Igualmente, a conselleira de Facenda resaltou que a Comunidade galega foi a autonomía que máis esforzo fixo en axustar o seu gasto non financeiro, cunha rebaixa do 15% do orzamento nos dous últimos exercicios. Ademais, resaltou que a comunidade ten unha taxa de paro máis de catro puntos inferior á media española e ten uns niveis relativos de endebedamento inferiores á media das comunidades autónomas, tanto en termos de PIB, como sobre ingresos correntes ou "per cápita".

Fotografía: arquivo Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia