Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ti es a peza que falta, nova campaña de Sogama para a promoción da reciclaxe

Consciente do descoñecemento que aínda teñen os máis novos respecto da súa actividade, Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, lanza a sexta edición da campaña educativa Ti es a peza que falta, dedicándoa este curso académico a explicar aos estudantes galegos de ensino medio o cometido que desempeña na nosa comunidade.

Así, baixo o lema Aínda non coñeces Sogama? Recíclate e colabora, a entidade procederá á distribución de ao redor de 4.500 carteis e máis de 164.000 folletos entre os 590 centros galegos de secundaria.

Non obstante, tal e como manifestaron no transcurso da presentación desta iniciativa o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, tamén se habilitou unha páxina web específica www.coñecesogama.com para que todos os interesados poidan facer uso da mesma, incluíndo un concurso, orientado exclusivamente aos escolares de ESO, FP e Bacharelato, a través do cal se avaliarán os coñecementos adquiridos, tendo a opción de participar no sorteo dun Ipad. O prazo estipulado para formar parte desta promoción concluirá o próximo 21 de maio.

Proceso industrial

A fin de que os escolares sexan conscientes do percorrido que debe facer o lixo que xeran a diario desde que o depositan no contedor ata que é tratado, Sogama detalla o camiño que seguen as dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia, isto é, bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) e bolsa negra (restos non reciclables).

Respecto da primeira, expón que, tras ser recollida polos servizos municipais, trasládase á planta de transferencia máis cercana, desde onde se transporta ata o Complexo Medioambiental de Cerceda, sendo procesada na planta de clasificación. A través de procesos mecánicos (lectores ópticos, electroimáns, campás aspiradoras e correntes de Foucault) sepáranse os envases por tipoloxías, sendo prensados e embalados a continuación para viaxar ata os correspondentes centros de reciclado, onde se converten en novas materias primas.

En canto á bolsa negra, esta cribase por tamaños en dous trómeles, separando a parte grosa e fina, é dicir, a superior e inferior a 12 centímetros. Mentres que a primeira se moe, a segunda sécase coa enerxía procedente da planta de coxeración. Acto seguido, ambas as dúas son mesturadas para acondicionar o combustible derivado de residuos (CDR) que nutre a planta termoeléctrica, onde se xera a enerxía eléctrica suficiente para abastecer 100.000 vivendas.

Con isto, Sogama dota de valor a aqueles refugallos que, dadas as súas características, non poden ser reciclados, converténdoos nun ben actualmente escaso e extremadamente caro: a enerxía eléctrica, e ademais faino desde o máis absoluto respecto medioambiental e a utilización de tecnoloxías de última xeración e potentes sistemas de depuración de gases que permiten compatibilizar a súa operativa industrial coa protección do contorno, levando a cabo un exhaustivo control, continuo e en tempo real, da súa actividade; control que se complementa co efectuado por entidades externas, velando en todo momento polo rigoroso cumprimento da lexislación vixente na materia.

Corresponsabilidade e cumprimento da normativa

Non obstante, a empresa pública deixa constancia da sobresaturación que a día de hoxe están a sufrir as súas instalacións de Cerceda. Se ben o Complexo dispón dunha capacidade para procesar un máximo de 550.000 toneladas anuais, o certo é que a entidade recibe máis de 800.000, debendo procesar o excedente a través dun vertedoiro controlado, a opción menos desexable. Así o di a Unión Europea, establecendo a prelación a seguir na xestión dos residuos, que daría comezo en todo caso coa prevención, seguida pola redución, a reutilización e a reciclaxe, entrando en xogo a continuación a recuperación enerxética. O vertido quedaría relegado a último lugar polo seu considerable impacto ambiental.

A Xunta de Galicia, en liña coa normativa comunitaria e estatal e, a través do plan de xestión de residuos urbanos 2010-2020, prevé superar estas dificultades coa construción dun novo complexo medioambiental no sur da comunidade, unido a oito plantas comarcais de compostaxe; un plantexamento que aposta pola xestión integral dos refugallos desde a corresponsabilidade, fomentando a colaboración cidadá, dotando dos medios necesarios para levar a cabo unha correcta xestión do lixo e, sobre todo, fomentando a utilización prudente e racional dos recursos de cara a un maior benestar e calidade de vida.

É por isto que, no material didáctico que conforma esta iniciativa, proporciónase aos mozos as claves para implicarse nesta tarefa, especificando o que debe e non debe ser depositado en cada un dos contedores de recollida selectiva, á vez que se fai fincapé nos materiais que adoitan xerar maior confusión, dando lugar a erros.

Portas abertas

Así mesmo, Sogama aproveita a ocasión para invitar aos centros a visitar as súas instalacións, polas que xa pasaron máis de 52.000 persoas. De feito, son moitos os institutos que instauraron a visita ao Complexo Medioambiental de Cerceda como actividade obrigatoria incluída ano tras ano na súa planificación curricular. Unha boa parte do profesorado está convencido de que constitúe a mellor clase práctica para tomar conciencia do grave problema que supón a xeración de desperdicios, da importancia que ten a implicación cidadá e do investimento humano, material e económico que é necesario facer para que o lixo se trate en condicións axeitadas e co menor impacto posible sobre o medio ambiente.

Ademais, e dado a que os escolares de secundaria xa se atopan definindo o seu futuro laboral, a empresa recórdalles que o medio ambiente, malia a crise, pode ser un interesante xacemento de emprego. E ela mesma podería ser un exemplo: Sogama xera 500 postos de traballo directos e outros tantos indirectos, e todo iso grazas á capacidade de aproveitar o residuo, ben a través da súa reciclaxe ou ben a través da súa recuperación en forma de enerxía.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia