O líder de Sonic Youth, Thurston Moore, presenta na Coruña “Demolished Thoughts”
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/thurston_moore.jpg)
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria patrocina esta quinta edición de Galicia Importa que, organizada pola promotora galega Sweet Nocturna, dá comezo hoxe ás 21.00 h coa actuación de The Jon Spencer Blues Explosion na Sala Capitol de Santiago. O ciclo, que ten previsto ofrecer un total de sete concertos durante este ano, sitúa a Galicia no mapa da distribución europea de figuras de referencia internacional en moi diferentes estilos.
Carreira paralela
De feito, o da Coruña será o primeiro dos catro concertos de Thurston Moore en España con Demolished Thoughts (Matador, 2011), que presentará posteriormente en Madrid, Barcelona e Granada. Doce anos despois da súa visita a Galicia con Sonic Youth, o público galego terá mañá a oportunidade de escoitar, nun formato diferente, a este gran músico norteamericano, cun impresionante legado que vai máis alá da experimentación á fronte do seu grupo para deixar tamén unha fonda pegada a través da súa carreira paralela como solista, como produtor de bandas independentes e como impulsor do selo discográfico Ecstatic Peace!
Falar de Moore é facelo dun deses músicos que coa súa achega vén marcado os vieiros da música popular contemporánea durante os últimos tempos. Cunha traxectoria ao alcance de moi poucos, o seu currículo sitúao desde os primeiros oitenta como unha das figuras emblemáticas do rock americano. Así, xunto con Sonic Youth, facturou algúns dos mellores momentos da música independente americana dos últimos trinta anos. A banda chegou a se converter en referente no seu xénero, de xeito que é evidente a súa influencia sobre infinidade de artistas, manténdose aínda ao máis alto nivel, tanto en estudio como en directo.
Tralo recente seu divorcio de Kim Gordon –a súa compañeira en Sonic Youth– tras 27 años de matrimonio, o grupo entra nun período de descanso e Moore céntrase no seu proxecto en solitario e no seu disco Demolished Thoughts, que viu a luz no verán de 2011 e para o que contou con Beck na produción.
Formato acústico
Este traballo ofrece unha nova aresta no seu afán por explorar os moi diferentes territorios da música popular. Coa colaboración de Beck, creou un ambiente puro, cheo de emoción e intensidade, que evidencia unha vez máis o seu gran talento. Ademais, nesta nova etapa decántase por un formato acústico baseado en guitarras e cordas para ofrecer un disco atemporal que aparece extremadamente limpo nos seu recursos.
As entradas para o concerto de mañá no Centro Cultural Ágora están á venda a través de www.servinova.com, o teléfono 902 504 500, no despacho de billetes da praza de Ourense na Coruña e A Reixa Tenda de Santiago. O seu prezo é de 18 euros (máis gastos de xestión) en venda anticipada e de 22 euros en billeteira.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia