Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Vendidas 1.500 entradas nas primeiras 24 horas para o concerto de Björk

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que nas primeiras vinte e catro horas dende a súa posta á venda xa se adquiriron máis de 1.500 entradas para o concerto que Björk ofrecerá o vindeiro 22 de xuño na praza exterior da Cidade da Cultura. Os fans da cantante islandesa apresuráronse para mercar as entradas para o que será o único concerto en solitario que Björk ofrecerá na xira española de presentación do seu último disco: Biophilia.

As entradas están á venda dende o luns 26 de marzo nos seguintes puntos de venda oficiais: Servinova, Novagaliciabanco, Ticketmaster, FNAC, Halcón Viajes e Carrefour. O prezo especial de saída é de 35 euros máis gastos de xestión para todos aqueles que se decidan a mercalas antes do 15 de abril.

O venres 22 de xuño na praza exterior da Cidade da Cultura, Björk ofrecerá o que será o único concerto en solitario no marco da xira española de presentación do seu novo disco Biophilia, considerado pola crítica como un dos seus traballos máis ambiciosos. A cantante islandesa creará no Gaiás toda unha experiencia sensorial coa que despregará os sons vangardistas do seu oitavo disco, no que Björk desenvolve unha temática global na que fusiona distintos campos como a ciencia, a ecoloxía, as novas tecnoloxías, con instrumentos feitos a medida.

A organización quere advertir que todas as entradas son sen numerar e que o concerto terá lugar ao aire libre -na praza exterior do Gaiás- sen cadeira/butaca. O inicio do espectáculo está previsto para as 22:30 horas do venres 22 de xuño.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia