Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Deputación Provincial de Lugo mantén o seu apoio á Escudería Miño

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado a Área de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, recibiron no seu despacho ao presidente da Escudería Miño, Carlos Íñiguez, para asinar o convenio de colaboración entre a institución e a escudería lucense, mediante o que a Área de Deporte da Deputación de Lugo aportará 40.000 euros para contribuír cos gastos xerados polas actividades organizadas no ano 2012.

A Escudería Miño é a encargada de organizar tres importantes eventos do motor na cidade de Lugo: a xuntanza automobilística, que permite ao público ver de preto os vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom pouco antes de comezar a tempada, pois adoita celebrarse no mes de marzo; o Rally San Froilán, que se organiza sempre a principios de setembro, e que este ano alcanzará a súa 34ª edición; e, desde o ano 2010, a Subida á Muralla, unha carreira de montaña que se disputa nas inmediacións da cidade de Lugo e que é puntuable para o Campionato de Galiza de Montaña.

O delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, quixo salientar “a importancia dos eventos que organiza a Escudería Miño, non só en relación co mundo deportivo, senón a importancia que adquiren dende o eido turístico, xa que este tipo de encontros moven a multitude de persoas e xeran riqueza no ámbito do turismo e da hostalaría”.

Antonio Veiga fixo fincapé en que “o deporte do motor en Lugo está a colleitar os maiores éxitos día tras día, polo que desde a Área de Deportes da Deputación debemos poñer os nosos esforzos en potencialo”.

Pola súa banda Pola súa banda, Carlos Íñiguez, presidente da Escudería Miño, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación á hora de promover o deporte en Lugo, xa que “grazas a este tipo de axudas podemos organizar este tipo de eventos, o que supón unha oportunidade para dar a coñecer e axudar a crecer ao automobilismo lucense”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo