Chévere representa "Ultranoite" no Auditorio da Ramallosa, en Teo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/ultranoite_chevere.jpg)
A compañía residente en Teo non deixou de recibir peticións, a través das redes sociais e por vía telefónica, para que ofrecese unha función extra. Trátase de persoas que non puideron facerse con entrada para a pasada fin de semana, e que agora terán unha nova oportunidade.
As entradas están xa á venda de maneira anticipada por internet, a través da web www.redenasa.tv. Como novidade, tamén se venden ata o sábado ás 15 horas en tres establecementos do municipio: o bar A Santa Sede (A Ramallosa), o bar A Capilla (Calo), e o bar A Senra (Pontevea). Nesta ocasión non se reservan entradas para despachar en billeteira o sábado antes da Ultranoite. Non obstante, se sobran na venda anticipada os rezagados aínda poderían obter a súa no propio auditorio desde unha hora antes de comezar a Ultranoite.
O Concello valora a excelente acollida que tiveron as Ultranoites como unha constatación de que a chegada de Chévere a Teo como compañía residente ten un efecto dinamizador a nivel local non só na programación cultural, senón tamén no eido económico. Hai que ter en conta que, ademais de espectadore de Teo, unha gran parte do público que acudiu a semana pasada ás Ultranoites eran veciños de Santiago e doutros municipios da comarca.
Citizen, o 28 e o 29 de abril
A programación de Chévere no auditorio da Ramallosa non se detén aí, xa que o sábado 28 de abril (20 horas) e o domingo 29 (19 horas) ofrecerá ‘Citizen’. As entradas tamén se venden a través da web. A obra foi a gran triunfadora na recente edición dos premios María Casares, nos que levou tres galardóns: mellor espectáculo; mellor dirección (Xesús Ron); mellor música orixinal; mellor actriz secundaria (Mónica García); y mejor actriz protagonista (Patricia de Lorenzo).
José Antonio Sanjurjo (Nós Comunicación) - Dpto. Comunicación Concello de Teo