Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia e o Norte de Portugal preparan un proxecto conxunto para os orzamentos da UE

Logo de manter unha xuntanza co novo presidente da Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal, José Manuel Duarte Viera, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o acordo de, en momentos de dificultade económica, impulsar a Eurorrexión “para intensificar e fortalecer o noso posicionamento dentro das nosas respectivas nacións e dentro da Unión Europea e, moi concretamente, no Comité das Rexións”. “Temos unha oportunidade e hai que aproveitala. Neste momento, estamos xestionando 135 millóns de euros na Eurorrexión e estamos convencidos de que, no próximo período, podemos xestionar máis fondos, o que significa máis posibilidades de desenvolvemento económico e social dos nosos pobos”.

Durante a súa intervención, Feijóo destacou que este encontro serviu para constatar dúas cousas: “que temos ante nós unha enorme responsabilidade neste momento -ante a crise económica-, e que estamos dispostos a asumila; e que a Eurorrexión non só sigue sendo útil e sigue vixente, senón que quedamos en intensificar as nosas relacións para insistir, persistir e apostar na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego salientou “un clima de confianza mutua e, tamén, un compromiso gobernamental firme dos nosos gobernos centrais para seguir reforzando os vínculos da Eurorexión”. E, neste senso, referiuse aos tres ámbitos prioritarios “nos que traballamos durante estas semanas”: unha folla de ruta única ante o próximo presuposto comunitario; profundar na cooperación económica; e un documento conxunto para entregar no Cumio Ibérico entre España e Portugal, que se vai a celebrar o próximo 9 de maio, na cidade portuguesa de Porto.

En relación ao financiamento europeo, Feijóo explicou que estamos ante unha posibilidade histórica de presentar un proxecto conxunto para o presuposto 2014-2020. “Sería a primeira vez –dixo- que unha Eurorrexión presenta un presuposto único ante a Unión Europea polo que, en consecuencia, vamos a seguir traballando na presentación dun documento único para captar fondos transfronteirizos no próximo presuposto comunitario 2014-2020, ante unha expectativa aprobada xa pola Comisión Europea de incrementar ata un 30% o presuposto da UE no que se refire a cooperación transfronteiriza. Polo tanto, temos unha oportunidade moi clara e temos que intentar aproveitala presentando un documento conxunto no que poderíamos captar unha contía sensiblemente superior á que xa temos”.

Apoio da Eurorrexión a todos os emprendedores do Norte de Portugal e de Galicia

José Manuel Duarte e Feijóo coincidiron, tamén, na necesidade de seguir profundando na cooperación económica, “xa que esta Eurorrexión –afirmou o titular da Xunta- ten que ser unha rexión non só institucional e política, senón económica e empresarial”.

A tal efecto, a Erorrexión pon a disposición dos emprendedores do Norte de Portugal e de Galicia todos os instrumentos cos que conta, tanto a Agrupación Europea de Cooperación Territorial como as dúas Eurocidades en marcha, Verín-Chaves e Tui-Valença. “Vamos a transmitir o apoio da Eurorrexión a todos os emprendedores; a intentar organizar misións comerciais conxuntas para todos os países latinoamericanos ou lusófanos onde podamos presentar propostas empresariais conxuntas para activar as exportacións do Norte de Portugal e de Galicia”.

Así mesmo, Feijóo destacou tamén a folla de ruta en aposta de I+D da Eurorrexión, tanto no Campus do Mar de Vigo como no Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga.

Elaboración conxunta dun documento que sintetice as demandas da Eurorrexión

Co obxectivo de xogar un papel activo no Cumio Ibérico, o responsable autonómico avanzou o acordo para elaborar un documento que sintetice as demandas da Eurorrexión, “e que faremos chegar aos nosos respectivos gobernos –precisou- para que sexan tratadas no Cumio”.

No tocante ás infraestruturas viarias, o titular da Xunta, se ben valorou o esforzo portugués por simplificar os métodos de pago das autovías lusas, destacou a necesidade de facer un esforzo superior, de dar un paso máis para establecer un mecanismo compatible de pago entre os portugueses e os galegos. “E, no ámbito das infraestruturas ferroviarias, pretendemos que a curto prazo se avance na modernización das conexións actuais, sen renunciar ao AVE Vigo-Porto, nunhas condicións económicas presupostarias que faciliten a súa viabilidade”, aseverou.

O novo presidente da Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal e o titular da Xunta de Galicia constataron, tamén, que existen algúns atrancos na cooperación de proximidade, aos que o Cumio Ibérico pode dar solución. “Nese documento plantexamos tamén un sistema alternativo ao roaming telefónico, que evite a facturación internacional nas zonas fronteirizas; propoñemos que se avance na homologación de títulos –basicamente de títulos de Formación Profesional- entre a Eurorrexión e que se avance na xestión compartida de todos os equipamentos que temos en Galicia e no Norte de Portugal, como xa o estamos a facer nas Eurocidades”.

Por último, e dentro das relacións culturais, o responsable do Executivo galego resaltou a aposta polo Camiño portugués a Santiago de Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia