Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ao final da lexislatura a administración paralela da Xunta quedará reducida ao 50%

“Culminar nesta lexislatura a avaliación do 80% da Administración paralela da Xunta de Galicia -é dicir, 120 organismos-, co obxectivo de ter eliminados ou reformulados 73 -é dicir, reducida ao 50% a Administración paralela da Xunta de Galicia-, introducindo 500 medidas de eficacia no outro 50% que continúa, e unha diminución do custo de Administración paralela de 25 millóns de euros ao ano, consolidados”. Este é o obxectivo final do Plan de racionalización da Administración autonómica galega, un obxectivo que, segundo salientou o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, supón “100 millóns de euros de maior eficacia na Administración pública galega; 100 millóns, que temos para outras cousas, como é manter os servizos públicos esenciais”, aseverou.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario galego deu conta da marcha do Plan de racionalización da Administración autonómica galega, un plan que na súa primeira fase supuxo unha reestruturación de 64 organismos da Administración paralela. Esta fase, segundo asegurou Feijóo, está completada ao 97%: así 42 destes organismos foron suprimidos, 3 refundidos e 16 reducidos ou sometidos a adelgazamento.

No mes de febreiro, engadiu, “presentamos a segunda fase do plan” e “fixemos os traballos de auditoría e de diagnóstico da situación do resto da Administración paralela da Xunta; este mes de marzo deseñamos a folla de ruta e finalmente, hoxe constituímos a comisión de seguimento para abordar os obxectivos”. Así, nesta segunda fase, o Plan de racionalización da Administración autonómica analizará 55 entes co obxectivo de eliminar ou reformular 25 e introducir melloras noutros 30.

Anticipación, alcance, transparencia e eficacia

O presidente da Xunta quixo destacar “a anticipación, o alcance, a transparencia e a eficacia” que está a demostrar o Executivo autonómico na redución da Administración paralela. Anticipación, dixo, porque “cinco meses despois de que tomara posesión este Goberno empezou a avaliar o funcionamento da Administración paralela da Xunta; é dicir, cando o Goberno central anunciou o primeiro Plan do Estado para adelgazar o sector público empresarial estatal, a Xunta de Galicia estaba xa executando o segundo Plan da Administración autonómica para adelgazar o sector da Administración paralela autonómica”.

“Alcance”, engadiu, porque “cando se falaba do obxectivo de reducir o 22% do entramado dos entes que dependen das comunidades autónomas, que era unha proposta da Administración central do Estado, Galicia xa presentaba datos de execución”. De feito, abondou, “no primeiro Plan adelgazamos o 30%, e polo tanto, xa temos cumprido de sobra o que pide o Goberno central para o resto das administracións autonómicas, e o noso obxectivo é o adelgazamento do 50% da Administración paralela da comunidade autónoma”, asegurou.

“Supón un esforzo non só en anticipación e en dimensión, senón tamén en transparencia”, incidiu, lembrando que se vai informar, como se viña informando, “cada 90 días” de cómo se está executando esta segunda fase do plan de reestruturación.

E por último supón unha “capacidade de xestión” e eficacia, porque, dixo, “hai unha evidente complexidade técnica e hai unha evidente dificultade administrativa, xurídica e patrimonial, para facer este traballo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia